O Nadal chega á casa dos Carpente Rico, veciños do Puntal de Neda

NEDA

I. VALERIO

Nin a choiva nin o vento fan desistir a Diego e a Mónica de vivir intensamente as festas e compartir a súa ilusión cos centos de visitantes

12 dic 2023 . Actualizado ás 12:04 h.

Di a canción utilizada nun famoso anuncio «Volve a casa por Nadal», e co Nadal á vista volvemos á casa dos Carpente Rico que mudaron o aspecto exterior da súa vivenda no Puntal de Abaixo, en Neda, con motivos do Nadal despois do terrorífico aspecto co que a vestiron durante o pasado Samaín. Nin a choiva nin o vento fan desistir a Diego e a Mónica de vivir intensamente as festas e compartir a súa ilusión cos centos de visitantes que cada día se achegan atraídos polas luces que ven desde a estrada AC-115 e que ademais provocaron que os veciños lles secunden, convertendo O Puntal de Abaixo na zona máis luminosa de Neda.

A pasada fin de semana estreouse o espectáculo e xa moitas familias achegáronse cos seus fillos e pedíronlles aos Carpente sacarse unha foto. E é que esta familia non queda só na decoración da casa, eles tamén se transforman. Mónica convértese no Grinch mentres que Diego e a súa filla Omaira son Papá Noel e un Elfo e desa guisa reciben aos visitantes. Diego creou uns cascanueces que presiden a entrada á leira e a casa de Papá Noel na que estará co seu fiel axudante o Elfo para vixiar e que non se achegue o Grinch a amolar o Nadal.

Anuncian que Papá Noel estará os días 16 e 22 de 18.30 a 20.00 horas recollendo as cartas dos máis pequenos. Mónica e Diego insisten en que o fan «porque nos encanta a maxia do Nadal e queremos compartila coa xente xa que é unha pasada ver a péquelos e non tan peques gozar». Así que desde O Puntal deséxannos unhas felices festas e próspero ano 2024.