Familias da Gándara lamentan que as obras do colexio non se inicien ata o próximo ano: «Ou cole cae sobre vos nenos»

NARÓN

A Xunta anunciou onte a rehabilitación integral por 1,6 millóns de euros, pero Anpa e Concello pide que se faga a licitación con carácter de urxencia
30 may 2025 . Actualizado á 00:01 h.Horas antes de que se celebrase a concentración das familias da Gándara polo mal estado do seu colexio, a Xunta anunciaba que este ano se sacará a licitación a rehabilitación integral do centro. De todos os xeitos, tanto o Anpa como o Concello de Narón piden que esa licitación sexa de carácter urxente para que as obras se fagan este mesmo verán. Segundo indican desde a Federación de Anpas de Ferrolterra, «nos din que en verán non se pode facer pero nun centro en Vigo si que se fará unha licitación pola vía de urxencia, no CEIP A Gándara a licitación sería no último trimestre de 2025 para facer as obras en verán de 2026».

O investimento da Xunta é de 1,6 millóns de euros. «A intervención contempla o cambio da cuberta e das carpinterías exteriores, a mellora da envolvente térmica cun sistema de illamento exterior, e a implantación de iluminación tipo led», indica o goberno autonómico. A actuación enmarcaríase no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica. E segundo a delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, «continuamos planificando as actuacións de xeito progresivo en función das necesidades que requiren os diferentes centros educativos». Insiste en que a Xunta está a realizar diversas melloras en centros de Narón.
Na protesta de onte ante o edificio da Xunta en Ferrol, o secretario do Anpa da Gándara e presidente da Federación de Anpas de Ferrolterra, Xaime Acuña, lembrou que «o colexio está coa fachada en moi mal estado e houbo tres desprendimentos no último ano (dous no recinto escolar) coa sorte de que un coincidese no 1 de maio, o segundo xusto na entrada e non pasaba ninguén, e o terceiro na parte traseira da fachada». A maiores, «nunha aula entre a persiana e a fachada caen pedras, como se o cole se estivese desfacendo».

O CEIP A Gándara leva 40 anos neste edificio. Como explica a concelleira de Educación de Narón, Olga Ameneiro, «o Concello pide a licitación urxente das obras, sabemos que o proxecto está listo pero despois de tres caídas de cascotes este ano non podemos esperar máis». Insiste en que «o cole está caendo amais dos nenos e das nenas, e non se pode consentir». Tamén lembra ao resto de centros públicos de Narón, «en condicións moi lamentables e cos nenos vivindo ese deterioro».