
Cada inscrición nesta actividade do Concello custa cinco euros
18 abr 2025 . Actualizado á 05:00 h.Para mergullarse por Narón ou polos municipios veciños, o Concello organiza catro novas camiñadas dentro do seu programa Ponte en Ruta coNnosco.
Esta oitava edición terá percorridos programados desde o 27 de abril ao 15 de xuño, que poden levar a San Andrés de Teixido ou á romaría da Ou.
A iniciativa parte do Padroado de Deportes. E segundo a alcaldesa Marián Ferreiro e o concelleiro da área, Ibán Santalla, «ten moi boa acollida entre as veciñas e veciños, tratamos de dar a coñecer o patrimonio natural e cultural da cidade e, por extensión, tamén da comarca». A primeira camiñada é o 27 de abril con máis de 13 quilómetros por Pena Molexa e a senda Ártabra. O prazo para apuntarse é desde este luns ao mércores.
O 11 de maio a ruta leva á romaría da Ou con saída desde o mosteiro do Couto, bordeando o río Xuvia ata Pedroso. O prazo para apuntarse é do 5 ao 7 de maio. E as dúas últimas son o 8 e o 15 de xuño para ir en dúas etapas a San Andrés de Teixido: a primeira desde O Couto ata Porto do Cabo, a segundo de Porto do Cabo ao santuario. En ambos os casos, hai que apuntarse do 2 ao 4 de xuño.
Cada inscrición custa cinco euros por persoa. E tramítase nas oficinas do Padroado de Deportes de Narón, no número 148 da estrada da Gándara, en horario de 8:30 a 13:00 horas