
O Concello achega nove mil euros ao colectivo organizador ademais de contratar ao grupo De Nighures
18 ago 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Xa só quedan cinco días para que bote a andar o Festival Irmandiño de Moeche, que nesta edición, a 46, contará coa volta das Tanxugueiras. A alcaldesa, Beatriz Bascoy, e o presidente da Asociación Cultural Irmandiños de Moeche, promotora do evento, asinaron hai uns días o convenio de colaboración polo que o Concello achega nove mil euros para a organización, ademais de asumir a contratación do grupo De Nighures, a través da Rede Cultural da Deputación. O orzamento do festival anda polos 60.000 euros.
Bascoy destaca que a Administración local tamén proporciona material loxístico e soporte persoal, aparte de coordinar a axuda das agrupacións de Protección Civil e facilitar as visitas gratuítas ao castelo na xornada do sábado (desde as 11.00 horas). Pero a festa arrinca o venres, ás 21.30, coa repichoca popular no campo do festival. O sábado haberá sesión vermú no campón do Pereiro (13.30), con picadiscos, o asalto infantil ao castelo (17.00) e o campionato de deportes rurais (18.00).
E de noite, Mediarea e De Ninghures, e sobre as 00.30, o pregón, As Tanxugueiras e Vimbio, sen esquecer o asalto irmandiño. Para o domingo queda o Trail dos Irmandiños Castelo de Moeche, unha novidade deste ano organizada polo Club 21 Leguas e que xa pechou o prazo de inscrición; e a actuación dos grupos Parecetafolk e Lina e Lola na sobremesa, a partir das 16.30.