Besteiro alerta en Ferrol do «aviso de privatización» de Navantia do PP

FERROL CIUDAD

Besteiro y otros representantes socialistas durante la visita a Navantia Fene.
Besteiro e outros representantes socialistas durante a visita a Navantia Fene. kiko delgado

O líder do PSdeG denuncia contradicións polas «dúas axendas» dos populares, ao defender a baixada de impostos cando na cidade naval soben o IBI un 10%

14 jul 2025 . Actualizado á 23:05 h.

O líder dos socialistas galegos, José Ramón Gómez Besteiro, alertou este luns en Ferrol do risco de privatización de Navantia que, sostén, avanzan os últimos acordos do Partido Popular. «O último congreso do PP, onde insignes galegos estaban alí representados, aprobaron o desmantelamento das participacións públicas nas empresas públicas», expresou. E «falando de Galicia e de Ferrol, iso supón claramente un aviso de privatización do que é Navantia». Ante iso, defende, o PSOE mostrarase firme en defensa do sector público e do programa de investimento emprendido nos estaleiros nos últimos anos. «Esa axenda de inversión non se pode perder, estamos falando de 5.000 millóns nos estaleiros de Ferrol e comarca, sen parangón e cunha proxección ao futuro» que asegura que defenderán.

Besteiro falou en Ferrol tras visitar xunto a outros deputados e representantes socialistas o estaleiro de Fene, onde, segundo trasladou, «están entrando a diario cerca de 2.000 traballadores», cando, asegurou, no 2018, antes da chegada do Goberno de Pedro Sánchez, «as instalacións estaban practicamente desmanteladas». Defendeu os efectos positivos dos gobernos socialistas na cidade: «Os cambios que se produxeron durante estes anos, tanto no Estado como no ámbito municipal para Ferrol son máis que evidentes». E por contraposición, «aí temos eses proxectos de inversión que todavía, despois de dous anos no ámbito municipal [de goberno do PP], non se concretan: esa creación de solo industrial, esa aposta polo desarrollo da vivenda pública... Vemos que hai más parón».

Xunto ao secretario xeral do PSOE en Ferrol, Ángel Mato, e anterior alcalde, Besteiro aludiu á falta de avances na creación de vivenda pública no Sánchez Aguilera, onde «apenas se están movendo eses proxectos» na etapa do actual rexedor, o popular José Manuel Rey Varela. «Esa visión ambiciosa que se iniciou no 2019, acompañada pola labor do Estado, non vexo que siga esa dinámica de ambición», apostilou.

Ademais, denunciou as contradicións do PP a nivel estatal e local. «No ámbito da fiscalidade, falan de baixar impostos, e sen embargo, aquí en Ferrol suben o 10 % o IBI, aumenta o 40 % o recibo da auga... En definitiva, parece que o PP ten dúas axendas», reprochou, e contrapuxo a axenda socialista de «inversións e de traballo» e a que «quere permanecer oculta por parte do PP».

Besteiro estivo acompañado na súa visita ao estaleiro por representantes públicos e orgánicos do PSdeG, entre eles a deputada no Congreso Obdulia Taboadela, os deputados autonómicos Patricia Iglesias e Julio Abalde, e o secretario de Acción Territorial, Aitor Bouza.