Steffany's Bag, os bolsos de factura ferrolá que traspasan fronteiras: «Non me agardaba que tivesen tanto éxito»

B. ANTÓN FERROL / LA VOZ

FERROL CIUDAD

Fanny Vázquez, retratada con algunas de sus creaciones en la calle María de Ferrol
Fanny Vázquez, retratada con algunhas das súas creacións na rúa María de Ferrol KIKO DELGADO

Fanny Vázquez triunfa con deseños propios e réplicas de modelos icónicos como o Kelly ou o Birkin, feitos cento por cento a man con coiro de Italia, Ubrique e Galicia

24 may 2024 . Actualizado á 09:41 h.

Fanny Vázquez (Ferrol, 53 anos) considérase unha muller «inqueda» e non hai máis que facer un percorrido pola súa traxectoria profesional para comprobar que o adxectivo lle vai como anel ao dedo. Estudou Maxisterio e Psicopedagoxía, traballou como mestra, tamén no sector inmobiliario, montou unha empresa de seguridade e reformas.. E finalmente atopou a súa vocación na artesanía do coiro, na que creceu de forma autodidacta e frutificou hai agora un ano coa creación da súa propia marca, Steffany's Bag, coa que triunfa grazas a unha fórmula infalible: «Son bolsos de coiro cento por cento artesanais, nos que absolutamente todo está feito a man, desde o corte ata o tintado e o cosido, e ademais son moi femininos», anota a artesá, que vende as súas creacións na zapatería Miguel da rúa María, onde tamén traballa reparando e «tuneando» este tipo de artigos. «El animoume e axudoume a pór en marcha este proxecto, foi quen elixiu o nome da marca e tamén deseñou o logo», comenta con agradecemento cara ao dono da zapatería, Miguel Pérez.

Fanny fabrica los bolsos de su firma a mano con cuero de curtidores de Italia, Ubrique y Carballo
Fanny fabrica os bolsos da súa firma a man con coiro de curtidores de Italia, Ubrique e Carballo KIKO DELGADO

A súa aventura emprendedora comezou hai pouco menos dun ano. «Fíxenme un bolso para min e colgueino no Instagram da zapatería para ver a reacción da xente. A resposta foi incrible. Empezaron a chegar moitísimas mensaxes e de sitios tan afastados como Colombia, Nova York ou Suíza. A xente preguntaba cantos custaban e tivemos que retirar a publicación porque foi algo que nos desbordou», rememora Fanny.

Pero esa «proba do algodón» serviulle para comprobar que o seu produto espertaba interese e tiña boa aceptación. E foi así como a artesá se lanzou á venda das súas creacións, «pero a moi pequena escala, porque eu soa non dou abasto». «Só fago dez unidades de cada modelo, porque me gustan que sexan exclusivo e porque se non creo que me aburriría. Gústame moito variar e buscar novas idea para os deseños», explica a artesá, que elabora os seus bolsos con coiro procedente de curtidores de Italia, Ubrique e Tarambollo (Carballo).

 
 
 
Ver esta publicación en Instagram

Unha publicación compartida de Zapateria Miguel (@zapateria_miguel)

 

Entre os seus «best sellers» atópanse bolsos que son réplicas de modelos icónicos como o Kelly e o Birkin de Hermès ou a Tote Bag de Marc Jacobs, pero tamén deseños propios como o Cube, o Circle ou o Moon. «A verdade é que non me agardaba que tivesen tanto éxito; entre a clientela hai moita xente de Ferrol, pero tamén turistas que visitan a cidade e lévanos de volta con eles a París, Nova York, Italia, Roma, San Petersburgo... Aos estranxeiros parécenlles moi baratos e dinme que nos seus países custarían máis do dobre ou o triplo», explica Fanny, que vende as súas creacións a prezos que oscilan entre os 165 e os 280 euros.

Conta que ás súas clientas lles gusta que os bolsos non leven forro, «para que se vexa que son de coiro de verdade», e aprecian ademais que os peches sexan de latón, «porque non rompen». Ademais de bolsos, Fanny tamén fabrica en coiro axendas personalizadas, fundas de móbiles ou correas de reloxo. E como a súa mente non para nin un minuto, agora está cavilando na posibilidade de ampliar a oferta de Steffany's Bag con zapatos e sandalias de coiro feitas a man, como a ela gústanlle. Xa avisou ao principio de que era moi inqueda. «Quen sabe? Se cadra dentro duns anos dáme polos fogóns e xubílome como cociñeira», di entre risos antes da despedida.