José Manuel Couce Fraguela, galardoado coa Medalla da Real Academia Galega de Belas Artes por toda unha vida de entrega á música

FERROL CIDADE

Ramón Loureiro

«Recibo este recoñecemento moi agradecido -di o artista-, pero non como unha homenaxe a min, senón a Ferrol e ás súas rondallas»

07 feb 2024 . Actualizado ás 23:01 h.

José Manuel Couce Fraguela (Esteiro, Ferrol, 1946) vai recibir un dos maiores recoñecementos dos que pode ser obxecto un músico en Galicia: a Medalla de Prata da Real Academia de Belas Artes.

Unha distinción que, nun acto coordinado pola propia Academia, polo Concello de Ferrol e pola rondalla do Club de Campo, seralle entregada na cidade —previsiblemente no teatro Jofre— durante unha cerimonia na que se incluirá, ademais, a celebración dunha sesión extraordinaria dos académicos.

O valor da tradición

«Estou moi contento e moi emocionado —sinala Couce—. Pero gustaríame recalcar que eu recibo este recoñecemento, por suposto moi agradecido, non como unha homenaxe persoal a min, senón como un xesto que a Academia Galega de Belas Artes ten cara a Ferrol e ás súas rondallas». «Á música —di Couce— eu estiven unido toda a miña vida; e , compuxen cousas moi diferentes. Pero as rondallas, a Noite das Pepitas e a música tradicional ferrolá son parte de min. Son, como todo o mundo sabe —subliña—, parte da miña vida e do meu corazón. Como o é Ferrol. E se en algo puiden axudar a que toda esa tradición musical nosa, que xa vén do século XIX, siga florecendo hoxe en día, doume por satisfeito».

Mentres tanto, o delegado da rondalla do Club de Campo, Pedro Blancollano, destaca o feito de que «na figura de José Manuel Couce Fraguela, e por primeira vez primeira, a Real Academia Galega de Belas Artes rende tributo a un patrimonio musical de raíz decididamente popular, como é o das rondallas de Ferrol».