O taller de subbloques e a ordenanza de licenzas levan mañá ao pleno de Ferrol

La Voz FERROL

FERROL CIUDAD

CESAR TOIMIL

A sesión abordará mocións da oposición sobre os restos do castro de Esmelle, a casa de Carvalho Calero e o regulamento de participación cidadá

29 nov 2023 . Actualizado á 05:00 h.

O que previsiblemente será o último pleno de Ferrol sen regulación dos tempos de intervención inclúe na súa orde do día dous asuntos de calado. Por unha banda, a sesión ordinaria de mañá (19.00 horas), someterá a votación a aprobación definitiva do estudo de detalle para a construción do taller de fabricación de subbloques de Navantia. E por outra, debaterase a aprobación inicial da ordenanza municipal coa que se busca conceder licenzas urbanísticas e de actividade en menos de tres meses. Tamén se inclúe a quinta addenda ao convenio entre Augas de Galicia e o Concello para a xestión do saneamento por doce meses máis.

No apartado de mocións, o PSOE instará o goberno local a ceder «xa» unha sala do centro municipal Torrente Ballester para acoller de forma temporal os restos materiais do castro de Esmelle e outra relativa a seguridade viaria. Pola súa banda, o BNG pedirá que se minimice o impacto das obras do bulevar dAs Pías e que se tramite a declaración de Zona de Especial Necesidade de Rehabilitación (ZER) a casa de Carvalho Calero. E Ferrol en Común demandará que se activen as ferramentas previstas no Regulamento de Participación Cidadá.