Leopoldo Boado: «Temos que conectar aos máis pequenos co mar»

Manuel Arroyo Alves
M. Arroyo FERROL

FERROL CIDADE

JOSE PARDO

Presidente do Club do Mar Ferrol

30 jun 2022 . Actualizado ás 09:42 h.

Leopoldo Boado (Ferrol, 1962) repite encomenda como presidente do Club do Mar Ferrol, unha das entidades con maior masa social da cidade. O equipo directivo foi ratificado na asemblea xeral ordinaria celebrada o pasado martes. Non houbo máis candidatos. O resultado foi de 171 votos a favor, ningún en contra e catro abstencións.

—Que propostas ten o Club do Mar para os próximos catro anos?

—Unha das nosas prioridades é a escola de vela lixeira, aínda que tamén urxe reformar todas as dársenas, tanto a de Curuxeiras norte como a da Graña, que están en mal estado. Tamén estamos agora pendentes dunha solicitude para a concesión dun local no porto e dunhas duchas para dar servizo aos tránsitos [os barcos de recreo que fan escala en Ferrol]. Trataremos de mellorar os servizos a curto prazo e de potenciar a vela.

—Que outras actividades desenvolve a entidade?

—Temos a sección de submarinismo, a de vea cruceiro, a de pesca submarina e a de embarcacións tradicionais.

—En cal hai máis traballo por diante?

—O noso soño é a vela lixeira. A idade media do socio do club rolda os 60 anos. Temos que lograr conectar aos máis pequenos co mar.

—Que masa social manexa o club?

—Preto dos 800 socios.

—Como valora o equipo directivo a colaboración das administracións nos últimos anos?

—Escasa. Seguiremos traballando para conseguir respaldo económico, por exemplo, para o mantemento das infraestruturas.

—Haberá movemento este verán na ría? Que actividades programan?

—Si, haberá actividade. Agora mesmo hai, como mínimo, catro regatas organizadas. Os días 7, 8 e 9 chegará a regata do Camiño Inglés. Despois, en colaboración co Náutico da Coruña, será a das Rías Altas. Virá algunha máis e, por suposto, a Parrocheira, que é a de vela tradicional.