«Tecendo rede, tecendo recordos» en Odeón

A.U. SERANTES

FERROL CIDADE

Tecendo recordos
Tecendo recordos CEDIDA

Con a Asociación de Familiares de Enfermos de Alzhéimer (AFAL Ferrolterra) e a Federación de Alzhéimer de Galicia (Fagal)

04 sep 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

O centro comercial e de lecer Odeón acolle desde este xoves e ata o próximo 7 de setembro a exposición fotográfica Tecendo rede, tecendo recordos, promovida pola Asociación de Familiares de Enfermos de Alzhéimer (AFAL Ferrolterra) e a Federación de Alzhéimer de Galicia (Fagal) co gallo da celebración do Día Mundial do Alzheimer, o próximo 21 de setembro. Esta exposición conta ademais co patrocinio da Xunta, Eroski e Odeón. Ao acto de inauguración asistiron o presidente de AFAL, Francisco Pantín, a concelleira de Benestar e Igualdade de Ares, María Victoria Montenegro, a concelleira de Acción Social de Narón , Catalina García, e a xerente do centro comercial Odeón, Cristina Imaz. Esta exposición itinerante viaxa por toda Galicia ata o mes de novembro, a razón de cinco días en cada localidade onde teñen presenza as 15 asociacións galegas de Alzheimer. A través das fotografías querer ensinar o traballo realizado por estas entidades de Galicia ao longo dos últimos anos.

Alumnos de Medicina
Alumnos de Medicina

Alumnos de Medicina

A área Sanitaria de Ferrol deu a benvida na mañá do xoves a 14 alumnos de sexto de Medicina nas súas materias de práctica clínica de todo o curso académico na área ferrolá durante este período 2021-2022. Son a sétima promoción de alumnos nesta modalidade de formación da Facultade de Medicina da Universidade de Santiago (USC) que acolle a área Sanitaria de Ferrol, xa que ata o 2015 acudían alumnos de Medicina só en período non lectivo, no verán. A modificación do Plan de Estudos estableceu nese ano un período longo de practicas en sexto curso en diversos emprazamentos do CHUF. Con esta formación, rematarán os seus créditos para a obtención do título de médico tras superar os exames correspondentes da USC. Foron recibidos no salón de actos do Arquitecto Marcide polo xerente, Anxo Facio, a directora de Procesos e Soporte, Amparo Fondevila López, e o responsable de Docencia, Ramón López dos Reis, e tamén algúns profesionais da trintena de titores que supervisarán estas rotacións

Homenaxe a Tonia Vázquez

Hoxe, sábado, celébrase unha homenaxe á pintora e escritora ferrolá Tonia Vázquez -nai do escritor e xornalista José Aguilar, biógrafo de estrelas como Marisol, Rocío Dúrcal, Sara Montiel ou Carmen Sevilla- con motivo do primeiro aniversario do seu falecemento. Os actos comezarán cunha misa funeral na igrexa de San Francisco ás 20 horas e a continuación, terá lugar un recital no Casino ferrolán cunha selección dalgúns dos seus poemas máis destacados pertencentes a libros como Prólogo da esperanza ou Antoloxía poética. O acto será presentado polos xornalistas Mónica Vergara e José Aguilar. O recital correrá a cargo do actor Rodrigo Sainz de Heredia (A metade de Óscar) e das actrices María Casal (Hospital central) e a galega Margarita Fernández, protagonista das Leis de Celavella. Na homenaxe participarán escritoras como Carmen López-Sancho. Seguidamente celebrarase unha cea de gala. A carreira multidisciplinar de Tonia Vázquez esténdese ao longo de cinco décadas nas que realizou numerosas exposicións en todo o territorio español.