Cáritas axuda a subsistir na provincia da Coruña a máis de 37.000 persoas

Ramón Loureiro Calvo
ramón Loureiro FERROL / LA VOZ

FERROL CIDADE

JOSE PARDO

Áreas urbanas como as da propia cidade herculina, Santiago e Ferrol ven como «a pobreza se está cronificando»

15 oct 2019 . Actualizado ás 08:26 h.

Advírteno os técnicos e os voluntarios de Cáritas: «A pobreza estase cronificando». Algo que se fai especialmente evidente, no caso da provincia da Coruña, en áreas urbanas como as de Ferrol, Santiago de Compostela ou a propia capital provincial. Mentres, nas áreas rurais, os «mecanismos de solidariedade» aínda seguen sendo moi sólidos. Todos os veciños se coñecen entre si e é máis doado atopar apoio cando as cousas se poñen difíciles. Pero nas cidades uno pode estar rodeado de xente todo o día... e non coñecer a ninguén. Por iso, á pobreza que sofren moitos de quen xa non atopan forma de superar as súas dificultades, no mundo urbano súmase un segundo drama, que é o da soidade. Nestes momentos, na provincia da Coruña -e de acordo cos datos facilitados tanto pola Diocese de Mondoñedo-Ferrol como pola de Santiago de Compostela-, a organización humanitaria da Igrexa presta a súa axuda a 37.152 persoas. Unha cifra da que 31.266 persoas corresponden á área da provincia pertencente á diocese compostelá, e 5.886 ao ámbito da diocese ferrolán-mindoniense.

No que incumbe ao territorio coruñés da diocese compostelá obsérvase, ademais, que entre os anos 2017 e 2018 a porcentaxe de inmigrantes aos que prestou a súa axuda Cáritas pasou de ser o 31,81 % do total a converterse no 37,27 %. Tamén se observa que neste ámbito case un terzo das persoas que reciben axuda de Cáritas (o 31,84 %) teñen entre 30 e 50 anos; o 23,08 % van dos 50 aos 64 anos; o 20,62 %, 20 a 34 anos; o 18,66 % teñen menos de 20 anos; o 4,94% sitúanse entre 65 e 79 anos, e os maiores de 80 anos son o 0,86 %.

Poboación dispersa

No caso da área norte da provincia coruñesa, que é a que atende Cáritas Diocesana de Mondoñedo-Ferrol, o maior número de familias atendidas pola organización humanitaria da Igrexa (1.108 familias, sobre un total de 2.216) residen na zona que integran a comarca de Ortegal e As Pontes. Das restantes, 757 familias pertencen a un mesmo municipio, o de Ferrol. E as restantes, á área que ten o seu epicentro en Xuvia, en Narón.

(Das 5.886 persoas atendidas, as de nacionalidade estranxeira ascenden, en total, a 1.170).