Arrinca a campaña de socorrismo en praias de Ferrol, Pontedeume e Cabanas

Carla Elías Martínez
carla elías FERROL / LA VOZ

FERROL CIDADE

CESAR TOIMIL

O problema de falta de persoal para cubrir as prazas ofertadas volve repetirse

15 jun 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Cada ano, coa chegada do bo tempo as comarcas de Ferrolterra, Eume e Ortegal enfróntanse a un problema común: a falta de candidatos suficientes para cubrir todas as prazas de socorristas ofertadas na zona. E parece que este ano, polo menos de inicio, non vai ser menos. E é que, segundo informa a presidenta da Federación de Salvamento e Socorrismo de Galicia, Nuria Rodríguez, o déficit de profesionais para atender os areais hase xeneralizado e mesmo existe competencia entre concellos, de forma que os que queren manter custe o que custe a bandeira azul e necesitan menos persoal chegan a establecer salarios de ata 1.700 euros, mentres que na maioría perciben o establecido por convenio.

Os municipios máis madrugadores este ano en pór en marcha o socorrismo son Ferrol, Cabanas e Pontedeume, onde está previsto que comece hoxe, sábado, e alónguese ata a primeira quincena de setembro. De feito, tal e como indican desde o Concello ferrolán, o coordinador xa se incorporou o pasado día 11. Con respecto ás probas, presentáronse 47 para as 53 prazas -52 socorristas e un coordinador- para os areais de Caranza, Doniños, A Fragata-O Vilar, San Xurxo, Esmelle, Penencia, Santa Comba-Marmadeiro, Ponzos e A Graña.

No entanto, o número total de efectivos incrementarase desde xullo cando se agarda o maior aluvión de turismo, veraneantes e bañistas nas praias, «Haberá unha segunda quenda con 8 prazas de socorrismo desde o 1 de xullo con cargo á subvención da Xunta de 24.000 miles euros», sinalan desde o Concello ferrolán.

Para intentar sortear a problemática da contratación de efectivos, en Pontedeume recorren a compaxinar dúas modalidades. O alcalde en funcións, Bernardo Fernández, explica que tanto a segunda quincena de xuño e a primeira quincena de setembro, o Concello opta por realizar a contratación do socorrismo a través dunha empresa. E, os meses centrais do verán con cargo á subvención da Xunta. Para este proceso xa solicitaron currículos de candidatos á oficina de emprego. A previsión é cubrir as seis prazas na praia de Ver durante os tres meses.

Cabanas conta con tres prazas concedidas pola subvención da Xunta, para atender a praza da Magdalena.