O ciclo Mestre Mateo achega a Cedeira o mellor cine galego, con seis proxeccións este mes
CEDEIRA

O primeiro pase terá lugar o día 11, coa peza documental «Aurora»
07 jul 2025 . Actualizado a las 23:36 h.O mellor cine galego do último ano poderase ver no auditorio municipal de Cedeira, de balde, grazas á Academia Galega do Audiovisual, que promove o ciclo Mestre Mateo, e co apoio da Deputación. É unha das seis vilas coruñesas nas que se poderán ver as películas. Este mes haberá seis proxeccións e en outubro, outras catro.
Aurora, cine documental, para público adulto, abrirá os pases o día 11, ás 21.00 horas, coma todas as demais, con Aurora e Area, mulleres de mundos dispares, como protagonistas. O 18 poderase ver Filmei paxaros voando, outra obra documental que narra a volta a Galicia de Zeltia, logo de dúas décadas en Barcelona. O 22 proxectarase Prefiro condearme, máis cine documental para adultos, a través dun xuízo por adulterio contra unha mariscadora da ría de Ferrol na ditadura, en 1972.
+Cuñados, cine ficción non recomendado para menores de 12 anos, é o título programado para o día 23. O 29 volverá o documental, con Salvaxe, salvaxe, seguindo o rastro do lobo ibérico; e o 30 será a quenda de As Neves, máis ficción. En outubro completarase o ciclo con Honeymoon, Xustiza Artificial e dúas sesións dedicadas ás curtametraxes.