«O cura Ramón Marful fixo moito pola aldea e daquela todos nos sentiamos útiles, había moita unión; cando marchou, morreu todo»
CARIÑO
Esta labrega xubilada de 85 anos, que di que hai tempo xa que «aparcou o sacho», agasallou coa súa memoria unha cita sobre identidade galega organizada por Galicia Latente
14 dic 2025 . Actualizado á 05:00 h.«Xa hai tempo que aparquei o sacho», sorriu este sábado Remedios González González antes de repasar algunhas das interesantes vivencias que relatou no encontro para «fomentar a autoestima e a identidade en Galicia» que organizou no IES María Sarmiento de Viveiro o proxecto Galicia Latente, que impulsa Eduardo de Martís. Con 85 anos cumpridos, esta labrega xubilada veciña do lugar do Xestoso, en Cabanas (O Vicedo), recordou con moito cariño ó sacerdote Ramón Marful Rodríguez (Foz, 1937-2017) polo pouso que deixou nunha parroquia na que exerceu nos anos setenta. «Fixo moito pola aldea: o tele club, as pistas, o campo de fútbol, fundou cooperativas... Todos estabamos encantados con el, daquela sentiámonos útiles axudando en todo e había moita unión. E falando sempre en galego. Moito o sentimos cando o levaron! Para nós foi como se morrera!», reflexionou a muller.
«Cando marchou el, a aldea empezou a morrer», detallou Remedios, que é unha gran lectora e unha gran oínte da radio. «Nunca para atrás din a nada. Sempre fun a favor das cousas. Gústame moito todo o que sexa xente emprendedora, que quere facer cousas», afirmou. Se ben, recoñeceu que na aldea, ás veces, algúns proxectos non prosperan por desconfianza. «Pero eu nunca desconfiada fun porque nunca ninguén mal me fixo», apuntou, e puxo en valor o intenso traballo social e cultural que está a desenvolver actualmente no Teatro das Cortes o actor Pepe Penabade, que é sobriño seu. «É incrible o que está facendo. A aldea ía acabada e, dalgunha maneira, grazas a el está resucitando», subliñou.
«A identidade é saúde»
O profesor Bernardo Penabade e a directora de Saúde Mental A Mariña, María José Novoa, foron os encargados de conducir un encontro no que tamén abordaron as súas experiencias sobre a identidade Luzía Oca (profesora universitaria de Antropoloxía), Olga Streinyk (membro da comunidade ucraína asentada en Cariño), Inma Coida (coidadora sociosanitaria), Paula Parapar (docente de Primaria), Montse Castro (traballadora do sector agrícola), Esther Gómez (representante de Adega), Cristina González (do proxecto AlasRaíces) ou Helena Pérez (directora do IES María Sarmiento). «A identidade non é estática, vai mudando, adquirindo novos matices e adaptándose, pero a identidade, sentirse parte de algo, é saúde», resumiu Novoa.