«O cliente quere escoitar música nas mellores condicións, sentir pracer»

ana f. cuba CABANAS / LA VOZ

CABANAS

JOSÉ PARDO

O eumés Xabier Paz instala equipos de son en coches desde 1999, en Cabanas

06 dic 2020 . Actualizado á 05:00 h.

Xabier Paz Romero (Pontedeume, 44 anos) leva días escoitando a Phil Collins mentres instala un sistema de son nunha furgoneta camperizada, no seu taller de Cabanas, Audio-Móvil. Outro dos seus favoritos é Bruce Springsteen. Tanto, que toca o saxo na banda tributo The Bosses. Tamén toca a gaita e atrévese «case con calquera instrumento». «Doulle as grazas a meu pai, que me ensinou case todo o que sei de música», subliña. E da música, dalgún xeito, vive: «Neste traballo téñenche que gustar os coches, a electrónica e a música, e se es medio músico mellor».

Este empresario autónomo estudou Electrónica e, logo das prácticas nun negocio en Ferrol, montou un taller de instalación de sistemas de son en vehículos. «Calquera coche, novo ou vello, é apto para poñerlle un equipo de son. Primeiro hai que velo e estudalo, saber as inquedanzas do cliente e, a partir de aí, presupostar», resume. Hai quen pide un equipo básico, «cunha radio e dous altofalantes», e quen demanda «amplificadores, procesadores de son, sistema de altofalantes complexos, subwoofer no maleteiro...». E os prezos van desde os cen euros ata os dez mil (algún caso hai), aínda que «un equipo de calidade alta pode andar por dous mil ou dous mil cincocentos». «O límite por riba pono cada un», apunta este profesional, con encargos de toda Galicia e incluso doutras zonas.

Xabier ten clientes que lle piden consello antes de comprar un coche, e outros que acaban de adquirir un vehículo de alta gama cun equipo de música premium que lles custou dous mil euros e queren que llelo cambie. «Non se xustifica o que lles cobran», sostén, xa que non responde ao nivel do resto de prestacións do vehículo. Antes da crise da construción, a media de idade dos seus clientes andaba polos 27 anos -«daquela traballaba todo o mundo, e os rapaces, sen cargas familiares nin hipotecas, gastaban nisto»-, e hoxe sitúase entre os 50 e os 55 -«son os que teñen poder adquisitivo»-. Tamén os hai de máis de 60, «xente cunha cultura musical, que busca un equipo dunha calidade alta». Conta que nestes últimos meses aumentou moito a demanda de sistemas de son para autocaravanas e furgonetas camperizadas.

Desde que abriu Audio-Móvil, no 1999, ten claro o que busca co seu traballo: «Recrear a realidade, o que escoitei naquel concerto en directo. Máis aínda sendo músico, porque sabes como ten que soar un violín, un saxo ou unha batería, e podes buscar os axustes para conseguilo». A insonorización (para a que utiliza ata nove materiais) é unha parte «moi importante» do seu labor, máis que o tipo de altofalantes.

E o cliente que persegue?: «Escoitar música nas mellores condicións, que lle produza pracer». Algún cambia de coche cada tres ou catro anos, e Xabier transplántalle o equipo dun ao outro. Radio, altofalantes, amplificador e procesador dixital de son (DSP) son os elementos cos que se move a diario, aínda que este oficio aglutina varios: «Primeiro hai que desmontar, insonorizar os paneis das portas, o chan, o maleteiro... Hai carpintería, como un caixón para o subwoofer, en madeira ou fibra, e para rematar, tapizas. Despois vén o tema electrónico, os cables, conectalo todo, e a enxeñería, axustar o DSP».

O traballo é laborioso e el, perfeccionista -«non me val un acabado regular»-, sempre aberto a aprender e con varios premios, algún de ámbito europeo. Gústalle porque abarca moitas facetas e pola cara dos seus clientes cando se sentan no coche unha vez acabada a instalación. «Cada un é un reto, tes que adaptarte ás necesidades da xente».

Cando abriu o taller, o 90 % dos vehículos levaban radiocasete, e agora «máis do 80 % é bluetooth, a xente utiliza plataformas dixitais para escoitar música no móbil». Para comprobar o resultado é habitual escoitar unha versión en directo de Hotel California da banda Eagles. «Despois, cada un ten a súas cancións fetiche». Ao final trátase de acadar a harmonía, na estética e na música.