Os camioneiros do carbón protagonizarán unha marcha a pé ata A Coruña

Beatriz García Couce
Beatriz Couce FERROL

AS PONTES

Luis Garcia

Partirá o martes desde As Pontes e culminará o venres na cidade herculina

05 dic 2019 . Actualizado ás 19:12 h.

Os transportistas que ata fai sete meses trasladaban a diario o carbón do porto exterior ferrolán retomaron esta mañá as súas protestas, cun corte de tráfico na A-6 en Guitiriz, pechando á circulación os dous carrís de sentido Lugo entre a área de servizo e o acceso ao centro urbano. Os camioneiros insistiron nas súas demandas dunha transición xusta, precisamente estes días que se celebra en Madrid o cume do clima.

Marcha ata A Coruña

No entanto, non será a última das mobilizacións dos transportistas, xa que organizaron para o vindeiro martes unha camiñada cara á Coruña, repartida en catro etapas. A primeira partirá ás dez da mañá das Pontes e finalizará na Capela. A segunda etapa será entre ese municipio e Miño; a terceira, entre Miño e Bergondo, e a última finalizará no Viceconsulado de Italia na Coruña.

Repiten así unha fórmula, a da marcha a pé, que xa secundaran en anteriores mobilizacións, e coas que queren ir dando a coñecer a través dos municipios polos que atravesen, as razóns das súas mobilizacións.

Doutra banda, está previsto que o luns se celebre en Madrid o encontro entre a ministra de Transición Ecolóxica en funcións, Teresa Ribeira, e as administracións, Endesa e os sindicatos pola térmica.