VIII Ares Indiano: unha homenaxe ao pasado

Laura Chaos / A.U.

ARES

Kiko Delgado

Os días 22, 23 e 24 a vila renderá tributo aos emigrantes dos anos 40 con diversas actividades

21 ago 2025 . Actualizado á 05:00 h.

Por oitavo ano consecutivo, Ares rende homenaxe ao seu pasado emigrante coa celebración do Ares Indiano. Os próximos días 22, 23 e 24 a vila encherase de exposicións, talleres, rutas e outras moitas actividades para todos os públicos.

O evento dará comezo o día 22 ás 18.00 horas coa apertura do Mercado Indiano no Paseo Marítimo. A gran novidade deste ano é a inauguración do Espazo Deputación no Parque Rosalía de Castro, enmarcado dentro do programa provincial «A paisaxe que sabe», que busca pór en valor a nosa cociña. Neste novo espazo organizaranse un total de sete showcookings ao longo das tres xornadas.

O día 23 estará farto das rutas típicas do Ares Indiano, tanto en barco pola ría, como en bus histórico e a pé, coa colaboración do artista Cayetano Lledó.

Durante a última xornada poderase gozar da exposición de automóbiles históricos, e o evento pecharase coas actuacións de Xabier Díaz e As Adufeiras do Salitre.

Honrar aos emigrantes: a reivindicación do Ares Indiano

Ademais do seu carácter festivo e cultural, un dos compoñentes fundamentais do Ares Indiano é o seu transfondo reivindicativo e o seu exercicio de memoria histórica. Tal e como expresan desde o Concello de Ares, o obxectivo principal do Ares Indiano é «achegar á veciñanza ao noso pasado indiano», e recalcan a importancia de coñecer e lembrar unha época emigrante que deixou unha enorme pegada na vila, especialmente no ámbito educativo; grazas aos fondos dos indianos foi posible a posta en marcha de tres escolas e un centro cultural.

Por outra banda, o Concello fai especial fincapé en que «a emigración sempre é complicada», e reiteran a necesidade de «honrar ás persoas que colaboraron para mellorar as condicións da vila que tiveron que deixar».