
Suman 1,5 millóns e benefician a 83 vivendas da comarca
24 may 2025 . Actualizado á 05:00 h.A Xunta concedeu o ano pasado oito axudas para mellorar os edificios de comunidades de propietarios da comarca, que beneficiaron a 83 vivendas da Capela, As Pontes, Cabanas, Ferrol, Narón, Pontedeume e Valdoviño, por un importe de 1,5 millóns de euros.
A delegada territorial da Xunta, Martina Aneiros, visitou onte unha desas comunidades. Fíxoo en compaña da directora territorial da Consellería de Vivenda, Begoña Freire. O encontro foi cos veciños do edificio San Bernardo de Caranza, no que se están executando obras de mellora dá eficiencia enerxética ao amparo das axudas a nivel edificio con fondos europeos do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia.
A subvención para esa comunidade de propietarios acada os 1,2 millóns de euros. As obras consisten na substitución da cuberta e na rehabilitación enerxética da envolvente mediante o SATE ou Sistema de Illamento Térmico polo Exterior.
O proxecto dese inmoble de Caranza está valorado en dous millóns, e inclúe tamén a instalación de enerxías renovables, aerotermia para calefacción e placas solares no tellado para a produción de electricidade.