Unha veciña da Capela recupera o móbil roubado grazas a un inmigrante senegalés: «Acadou ao ladrón e esixiulle que mo devolvese»
A CAPELA
Un mozo sacáralle o teléfono do peto, xunto ao Palacio da Ópera, na Coruña
20 dic 2024 . Actualizado á 05:00 h.«Hoxe pasoume algo que me emocionou», contaba este mércores unha veciña da Capela, superado o susto e a rabia pola situación que acababa de vivir na Coruña. «Estaba coa miña neta vendo un escaparate e un mozo rouboume o móbil do peto. Deuse conta unha señora, e coa nena no colo, corrín tras el dicíndolle que mo devolvese», narra.
Ocorreu xusto fronte ao Palacio da Ópera e o ladrón cruzou a rúa cara a Santa Margarita mentres esta muller, que prefire manterse no anonimato, chamáballe. Naquel momento, unha moza que saía da sede da Orquestra Sinfónica de Galicia, berroulle: «Estou a chamar á Policía e estámoste vendo».
«Pero el seguiu subindo as escaleiras, e nese momento, un mozo que pasaba pola beirarrúa, senegalés, díxome: ‘Non corra coa nena, eu pídollo'». E así foi. «Acadouno e esixiulle que lle devolvese o teléfono, e cando veu e deumo díxome: ‘Eu, senegalés. Se non teño, pido, pero non roubo. Grazas por confiar en que eu lle ía a dar o móbil'».
A rápida reacción e o comentario deste inmigrante conmoveron a esta veciña da Capela, que quixo contar ocorrer como mostra de agradecemento. «A desconfianza e os prexuízos fannos xulgar sen razón, moitas veces», recoñece.