Alertan dunha praga de ratas e a necesidade de acometer unha limpeza no río
29 sep 2026 . Actualizado á 05:00 h.O Bloque Nacionalista Galego de Narón fixo pública a súa denuncia diante da «grave situación de abandono» que padece o barrio de Freixeiro. A formación nacionalista puxo o foco na «preocupante praga de ratas detectada en varias zonas, un risco sanitario evidente que require dunha actuación de desratización inmediata e dun seguimento continuo».
Así mesmo, dende o BNG sinalan a «falta de conservación e mantemento dos espazos públicos» na rúa Bimbieiro, onde «tanto o parque infantil como a área destinada ao lecer das persoas maiores amosan un deterioro inaceptable». A esta situación suman a «urxencia» de acometer a limpeza integral do río Freixeiro.
Estrada de Cedeira
Por outra banda, o BNG critica o estado da estrada de Cedeira, de titularidade da Xunta, «onde a seguridade dos peóns non está garantida».
Segundo expoñen dende a organización nacionalista, «existen tramos enteiros que carecen por completo de beirarrúas e, naquelas zonas onde si están construídas, o seu pésimo estado de conservación e a falta total de adaptación impiden o cumprimento dos criterios básicos de accesibilidade, dificultando o paso das persoas con mobilidade reducida ou con carros de bebé».