Inundación no centro de saúde de Fene: «Non son pequenas pingueiras, é unha riada»

B. Antón FERROL

FERROL

cedido

A persoal denuncia que, a causa da falta de mantemento do edificio, cada vez que chove prodúcense filtracións, «pero esta vez foi algo esaxerado»

07 nov 2025 . Actualizado á 12:55 h.

As fortes choivas caídas esta mañá de venres en Ferrolterra provocaron inundacións no centro de saúde de Fene. «Debido á falta de mantemento do edificio, cada vez que chove prodúcense filtracións, pero esta vez foi algo esaxerado. Non son pequenas pingueiras, é unha riada», lamenta un dos traballadores do centro de saúde, á vez que apunta que esta mañá, literalmente, «chovía desde o teito nos corredores e na zona de urxencias». 

Ao persoal non lle quedou máis remedio que facer fronte ao problema baldeando con fregonas e enchendo o chan sabas e toallas para absorber a auga. «Tivemos que protexer con sabas os andeis onde gardamos os medicamentos para que non se estragasen», advirte o traballador do centro de saúde. «Isto é terceiromundista, así non se pode traballar», denuncia a continuación con indignación facendo seu o malestar do persoal.

Desde o Concello de Fene, o concelleiro Manuel Polo Gundín explicou que o problema se debeu a que os canlóns se atascaron e ao ir os seus tubos de desaugadoiro polo interior do edificio e non polo seu exterior, a auga acadou as salas do centro de saúde. Indicou tamén que o Concello procederá a emendar o problema, pero ao mesmo tempo lembrou que o convenio coa Xunta polo que a administración local asumía o mantemento do centro de saúde expirou no 2024, tras trinta anos en vigor, «e iso xa ou temos denunciado»

O Concello de Fene está a negociar actualmente coa SEPES a adquisición dunha parcela de 3.000 metros cadrados na zona de Centieiras para cederlla á Xunta co obxectivo de construír un novo centro de saúde

Desde a área sanitaria de Ferrol indicaron que o centro de saúde de Fene é de titularidade municipal, «no entanto, foi á primeira hora un equipo de mantemento da área para valorar situación e dar solución á entrada de auga».