O taller Motor Narón busca substitución por xubilación: «Hai interese polo taller, pero ou non atopan mecánicos ou financiamento»
FERROL
Ramón e Serafín teñen á venda desde o verán a nave no polígono Río do Pozo do seu emblemático negocio
26 oct 2025 . Actualizado á 05:00 h.Nun momento en que os talleres da comarca non dan abasto con tanto traballo, o de Motor Narón, no polígono de Río do Pozo, apágase. Non por falta de clientes, senón de substitución. Os seus fundadores, Ramón Montero e Serafín Tojeiro, téñeno á venda por xubilación tras case medio século entre motores, ferramentas e clientes fieis que aínda chaman preguntando onde poderán levar agora o coche. Aínda así, costa atopar substitución. «Viñeron varias persoas interesadas —conta Ramón—, pero unha non atopaba mecánicos e outros non lograban financiamento. E así non hai xeito. Hai clientela a lume de biqueira, pero nós xa cumprimos», valora.
Ambos comezaron a súa carreira moi mozos, formándose nos anos setenta nos talleres Argimiro Pardo, o antigo servizo oficial de Mercedes-Benz en Ferrol. Alí coñecéronse e traballaron xuntos durante dúas décadas. «Entendiámonos moi ben —lembra Montero—. No 2000 decidimos montar algo pola nosa conta, buscabamos novas experiencias». Así naceu Motor Narón, primeiro en Freixeiro e, desde 2007, na súa localización actual de Río do Pozo. Os primeiros anos foron de esforzo e de incerteza, pero o boca a boca e a seriedade do traballo consolidáronos. «Ao principio custou, porque empezas de cero, pero sempre tivemos bos clientes. Agora, en cambio, temos máis traballo do que podemos asumir», lamenta Ramón.
O taller, especializado en mecánica e electricidade e cunha reputación sólida na zona, mantívose durante anos como un referente, sobre todo entre os propietarios de vehículos Mercedes. Na súa mellor etapa chegou a ter dous empregados máis, pero a falta de substitución foi reducindo o equipo. «Un marchou en febreiro porque sabía que iamos pechar, e o outro tivo que operarse do xeonllo», explica. A pesar de estar a pleno rendemento, os dous socios tiñan clara a súa retirada.
O negocio está á venda desde o verán por 420.000 euros, incluíndo a nave de 550 metros cadrados, as ferramentas, a maquinaria e a clientela fixa. Leva AM Inmobiliaria, precisa Ramón. «Sabemos que case vale iso só a nave, e nós vendémola con todo para traballar». O problema, asegura, non é novo: «Cada vez hai menos xente mozo coa formación necesaria. Os que queren, moitas veces non atopan mecánicos nin financiamento. E así, cando nos xubilamos os maiores, os talleres desaparecen».
Motor Narón, que durante os últimos anos traballou incluso desbordado, é un reflexo do que pasa en toda a comarca. «A xente pregúntanos onde levar agora o coche, pero xa hai moita espera en todos os sitios. Hai traballo dabondo, pero falta xente», comenta.
Talleres con novos proxectos
No lado oposto da moeda atópanse dous talleres mecánicos da comarca que si lograron substitución. É o caso de Talleres MJ, en Pontedeume, onde os irmáns Marcos e Javier González Martínez, exempregadoes do concesionario Mercedes Louzao, compraron a comezos de ano os antigo Talleres Cazón, que ía pechar por xubilación do seu dono. Tamén Talleres Geno, na estrada de Catabois, reabriu o pasado 8 de setembro baixo a dirección de Abdel Trih, un mozo de 26 anos formado no CIFP Ferrolterra. «Os coches son a miña paixón desde que era neno», asegura Abdel, que traballou seis anos en Talleres Alca (Narón) antes de lanzarse como empresario. «Sei que é arriscado, pero se non o fago agora, cando?». En apenas mes e medio á fronte, xa recuperou a actividade e a clientela do histórico taller fundado por Eugenio Rodríguez, que se xubilou na primavera.