Olaia Ledo renuncia a ser candidata do BNG en Narón: «Non vimos a vivir da política»

Patricia Hermida Torrente
Patricia Hermida NARÓN / LA VOZ

FERROL

Marta Grandal, Olaia Ledo e Pilar Lozano, este venres
Marta Grandal, Olaia Ledo e Pilar Lozano, este venres Torrente

Tras sete anos como concelleira, manterá de momento a súa acta como edil pero dá un paso ao lado «para que Narón sexa un concello BNG»

24 oct 2025 . Actualizado a las 12:07 h.

Co aplauso da plana maior do BNG comarcal, Olaia Ledo anunciou esta mañá oficialmente a súa renuncia a ser candidata nacionalista en Narón. Non se presentará á alcaldía nas vindeiras municipais de 2027 pero de momento manterá a súa acta de concelleira e o seu cargo de voceira do grupo na corporación. «Non vimos a vivir da política, temos claro que as persoas van e veñen pero os proxectos permanecen», asegurou, acompañada da responsable local Marta Grandal e da comarcal Pilar Lozano. 

A decisión de Olaia Ledo, despois de sete anos como concelleiro, é «persoal e moi reflexionada, xa a puxen en coñecemento do Bloque hai tempo e ao longo prazo será o mellor para o partido en Narón». Iniciarase agora un proceso para nos vindeiros meses elixir a unha nova candidata ou candidato, «cando o BNG local está no mellor momento da súa historia a nivel de resultados, insisto en que non vimos a vivir da política senón a transformar a realidade; por iso é mellor marcharse cando as cousas van ben». Esta produtora audiovisual (Corcubión, 1981), que traballou en proxectos como o filme Prefiro condenarme de Margarita Ledo, asegura de todos modos que seguirá na política a nivel local e nacional: «Sabemos que no futuro Narón será un concello BNG», citando os casos de Fene ou San Sadurniño.

Olaia Ledo, acompañada pola plana maior do BNG comarcal
Olaia Ledo, acompañada pola plana maior do BNG comarcal Torrente

Con Ledo estiveron hoxe precisamente os alcaldes destas dúas localidades, Sandra Permuy e Secundino García Casal. Permuy tomou posesión como alcaldesa a metade do actual mandato, nun traspaso de poderes por parte do anterior rexedor Juventino Trigo. A responsable comarcal do partido, Pilar Lozano, recoñece que «a nivel nacional estamos traballando nas novas candidaturas e na comarca intentamos sacar o maior número de listas mesmo cun traballo de formación de candidatos desde hai xa dous anos; o BNG non ten teito e quere dar un paso de xigante».

E sobre o actual mandato, Olaia Ledo recalca que «o goberno local de Terra Galega non ten ideas e perdeu investimentos, pero a oposición do PP e PSOE practica o canto peor para Narón mellor para eles... e nós apostamos por unha oposición construtiva que beneficie á veciñanza».