
A mesa redonda «Saúde con sabor» reuniu en Ferrol a seis expertos en alimentación: «A lonxevidade depende nun 33% da nutrición»
19 sep 2025 . Actualizado á 11:06 h.Para dar cunha dieta saudable e rica en nutrientes non hai máis que sentarse á mesa dos nosos maiores. Porque a dieta tradicional atlántica, esa que cultivaban outrora «as avoas á calor da lareiras», é un auténtico «seguro de vida para a saúde». A frase saía este xoves de boca de Rosario Leis, catedrática de Pediatría e vicepresidenta da Fundación Dieta Atlántica, quen xunto a outros cinco expertos do mundo da saúde, a nutrición e a gastronomía protagonizaron en Afundación a mesa redonda Sáude con sabor: como evitar a obesidade e alimentarse ben ao longo dá vida, organizada polo Colexio de Médicos e o Colexio de Farmacéuticos da provincia coruñesa para clausurar as actividades conmemorativas do seu 130 aniversario.
O primeiro en abrir fogo foi Diego Bellido, xefe de endocrinoloxía do CHUF, quen fixo de moderador e antes de ir dando paso a cada un dos relatores puxo sobre a mesa algúns datos alarmantes, como que a obesidade afecta xa ao 18,7% da poboación adulta de España, mentres que a súa prevalencia en nenos e adolescentes foi escalando banzos a un ritmo vertixinoso, ata situarse nun 10%. Subliñou que se trata dunha «enfermidade crónica» que tamén funciona como factor de risco de duascentas patoloxías. E reivindicou ás autoridades políticas que impulsen plans de promoción da saúde para combater estas cifras, así como o fin do estigma social que sofren os pacientes.
Tras a súa intervención tomou a testemuña Pablo García Vivanco, farmacéutico e dietista-nutricionista, quen asegurou que «a lonxevidade depende nun 33% da nutrición» e subliñou que a dieta atlántica baixa os niveis de glicosa, colesterol e obesidade.

Pero, que é o que caracteriza a esta dieta atlántica? Rosario Leis detallou que é aquela abundante en alimentos de tempada, locais, frescos e minimamente procesados; rica en produtos vexetais, froitas, pan, castañas, noces e leguminosas; e cun alto consumo de peixe, mariscos, moluscos e crustáceos, así como de carnes de porco, vacún e caza, aceite de oliva e lácteos. E na que, ademais, fronte ás frituras, imperan os cocidos, guisados, á prancha ou ao forno como métodos de cociñado.
O problema é que a poboación está a dar as costas a esta dieta, algo que resulta especialmente preocupante na poboación infantil, onde o consumo de peixe caeu en picado, mentres aumenta de forma esaxerada o consumo de proteínas e graxas saturadas. Por iso reivindicou a implicación de pais, profesores, profesionais da saúde e políticos na promoción de hábitos saudables desde a infancia, un punto no que tamén puxo o acento o médico Carlos Piñeiro, impulsor do reto Cen mil motivos de peso. Uns 4.800 veciños de Narón perderon conxuntamente máis de 78.000 quilos de peso da man deste programa comunitario no que se compaxinaba a práctica de exercicio físico coa dieta ártabra (como bautizaron os nenos a dieta atlántica) e actividades educativas interxeracionais.

Como o resto dos relatores, Paula Briones, vogal de alimentación no Colexio de Farmacéuticos, encomiou as virtudes das dieta atlántica ao incluír todos os nutrientes esenciais que necesita o corpo humano: hidratos de carbono, graxas, proteínas, vitaminas e minerais e auga (ao redor duns dous litros ao día).
A súa intervención deu paso á do cociñeiro Miguel Ángel Campos, quen abandeira a dieta atlántica desde os fogóns do seu restaurante, A Gabeira, onde abunda as guarnicións a base de verduras cociñadas ao dar, os peixes e mariscos frescos, a tenreira galega, o galo de curral ou o porco celta. «O problema é que nos supermercados cada vez é máis difícil atopar produtos de calidade», advertiu.
A cita contou coa asistencia do alcalde, José Manuel Rey, e dos presidentes dos colexios de Farmacéuticos e Médicos, Sara Catrain e Luciano Vidán. Ambos lembraron que os dous colexios naceron hai 130 anos como só un (máis tarde escindíronse en dous) e loaron a figura do seu fundador, Ramón Pérez Costales, «un home polifacético, sempre preocupado polos máis vulnerables e cunha forte vocación de servizo público», subliñou Vidán.