A pleno rendemento a nova unidade de Atención Temperá de Miño, Pontedeume e Vilarmaior
FERROL

Os alcaldes visitaron a inuguración oficial do centro acompañados pola directora xeral de Persoas con Discapacidade da Xunta de Galicia, Begoña Abeijón
24 jun 2025 . Actualizado á 13:04 h.Xa está operativa a pleno rendemento a nova unidade de Atención Temperá que dará servizo gratuíto a familias de Miño, Pontedeume e Vilarmaior. A directora xeral de Persoas con Discapacidade da Xunta de Galicia, Begoña Abeijón, visitou onte o centro social de Leiro, onde se sitúa esta nova prestación, un dos seis novos servizos creados grazas á última convocatoria de axudas a concellos e mancomunidades, acompañada polos alcaldes dos tres municipios. A unidade conta cun equipo multidisciplinar formado por unha logopeda, unha psicóloga e unha terapeuta ocupacional, e está dirixida a nenos e nenas de ata seis anos con trastornos no desenvolvemento ou risco de padecelos. A Xunta destina 134.000 euros anuais para garantir o seu funcionamento, financiados a través do programa FSE+ Galicia 2021-2027 con fondos europeos.
Os alcaldes Bernardo Fernández (Pontedeume), Manuel Vázquez (Miño) e Carlos Vázquez (Vilarmaior) valoraron o arranque do servizo que xa atende a 19 menores de entre 0 e 6 anos. Durante a visita institucional, na que tamén participaron as profesionais que traballan no centro, explicaron o funcionamento diario da unidade e os seus obxectivos, centrados na detección precoz, a prevención e a intervención ante posibles trastornos do desenvolvemento infantil.