Ferrolterra, Eume e Ortegal resplandecen á luz das fogueiras de San Xoán

FERROL

Miles de luminarias enchen de maxia unha das máis fermosas noites do ano

24 jun 2025 . Actualizado á 01:20 h.

Permítanos anotar, así de entrada, que a nós, ás fogueiras de San Xoán, gústanos chamalas, máis ben, luminarias. Porque así, luminarias, é como llas chamou tradicionalmente en toda esta comarca que ten o Ferrol por epicentro. E porque, ademais, ese termo alude, ao mesmo tempo que á luz que emana das fogueiras, á alegría que simboliza acendelas por esas datas.

Dito isto, anotaremos tamén, xa sen máis demora, que son miles as luminarias que de novo volven a resplandecer en toda a comarca. De feito, só en Narón xa foron 423. Iso si: para evitar incidentes, os concellos quixeron extremar, un ano máis, as precaucións. Por exemplo, o Concello ferrolán estableceu, a través dun bando do alcalde, que quen quixese acender as súas propias fogueiras —a maior parte das luminarias, e exceptuando as das grandes celebracións, acéndenas, familias ou grupos de amigos, en leiras particulares— deberían coidar de que estas non superasen os tres metros de altura nin estivesen situadas a menos de quince metros das árbores.

kiko delgado

Está a haber celebracións verdadeiramente multitudinarias —son só tres exemplos— en lugares como Esteiro, San Xoán e Canido. Conforme se achegaba a medianoite, persoas de todas as idades reencontrábanse para celebrar unha das festas máis belas da Europa atlántica: a que simboliza a renovación de todas as cousas que merecen a pena. Como os afectos.

kiko delgado

A calor dos recordos

Entre os moitos milagres que as fogueiras de San Xoán protagonizan tamén está o que, da man da melancolía, permite viaxar a través do tempo. Un contempla o lume das luminarias e, só con deixar voar un pouco o pensamento, enseguida dáse conta de que polo aire volven ata el os recordos da súa nenez. E entón volve ver os rostros máis queridos, mentres todo cheira a flores (a flores... ou a sardiñas) e lucería debuxa novas estrelas no firmamento.