Vieiras, zamburiñas e navallas de seis a 15 euros na Festa do Marisco de Narón
FERROL

Celebrarase no paseo de Xuvia o 7 de xuño, e incluirá unha degustación culinaria gratuíta a cargo dun chef da comarca
30 may 2025 . Actualizado á 05:00 h.Vieiras, zamburiñas, navallas e paella poderán saborearse na Festa do Marisco que se celebra o 7 de xuño no paseo de Xuvia. Organizada polo Concello de Narón e a Confraría de Pescadores de Barallobre, terá propostas desde os seis aos 15 euros.
A cita foi presentada pola concelleira de Festas, Mar Gómez, e polo presidente da confraría, Jorge López. Nunha carpa con mesas e cadeiras, cociñarase para 600 comensais. E un chef da comarca realizará unha degustación culinaria gratuíta ás 12.00 e outra ás 18.30 horas. «Explicará como se extrae o carneiro, como se cociña, as súas propiedades… un marisco que é bastante común dende a década dos 90 pero que non tiña ao inicio valor comercial», indica Jorge López.
A maiores, instalaranse un posto con produtos da confraría e unha zona de inchables para os nenos. A confraría de Barallobre (Fene) ten ademais bancos marisqueiros en Narón: «Dende a rampa da Faísca, no Couto, por Xuvia».