Marcos Lorenzo: «O universo Belén Esteban é interesante, Pasolini tamén reivindicaba os sucesos»

Patricia Hermida Torrente
P. Hermida FERROL / LA VOZ

FERROL

O escritor Marcos Lorenzo, en Ferrol.
O escritor Marcos Lorenzo, en Ferrol. CESAR TOIMIL

O escritor presenta este venres en Ferrol o seu libro «Obras públicas», no que recolle artigos e reflexións desde hai case 20 anos

13 may 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Moi coñecido polo seu traballo na cultura ferrolá, o escritor Marcos Lorenzo (A Coruña, 1970) presenta as súas Obras Públicas este venres na Central Librera Dolores (ás 19.15 horas). A peza editada pola colección Intemperie dentro da editorial Lorref (a máis nova da cidade) recolle as súas interesantes reflexións desde 2007, polas que transitan o fútbol, a Xunta, o galeguismo ou o universo Sálvame.

 

 

—Parece que 2007 queda na prehistoria, co que cambiou todo neste tempo?

—Cuns artigos identifícome, con outros hai unha distancia irónica. No profundo, Galicia non cambiou tanto: modificou a relación coa tecnoloxía, pero non o urbanismo, a destrucción da biodiversidade, as cuestións da saúde mental ou o clientelismo político.

—É un mundo menos comprometido?

—Hai vinte anos, Ferrol e Vigo eran cidades obreiras cun maior movemento sindical e un grao de vertebración das clases populares que hoxe está atenuado. Pero tamén os máis novos dan sinais positivas de politización en identidade sexual e ecoloxismo. O que sí vexo é que desde o Prestige non hai críticas mediáticas á Xunta, e iso inflúe na xente.

—A xente non se deixa levar máis polas redes sociais que polos medios clásicos?

—Esas redes son un foro de desafogo pero non de participación política. 

—A peaxe por ser libre é cada vez máis grande?

—A liberdade é un conto no que se sostivo Occidente. Pero as nosas vidas parécense moito, están máis disciplinadas e acomodadas nas escravitudes. Creo na liberdade como loita contra unha opresión como defende Erich Fromm, non como liberalismo económico. O de que o home é totalmente libre é un conto.

—Mantén que aos galeguistas oficiais lles encantan as misas, como di neste libro?

—Totalmente, aínda que agora se estén secularizando. O sindicalismo e o futbol tamén son relixións con liturxias herdadas da Igrexa católica. Unha manifestación é a variante da procesión, o cántico futboleiro da canción de misa. O galeguismo tiña sempre un compoñente de solemnidade e parafernalia litúrxica.

—Agora menos porque hai máis mulleres dentro dese galeguismo oficial?

—As monxas tamén poden crear os seus rituais. Pero seguro que, como todo, o galeguismo tamén está atravesado polo patriarcado. 

Belén Esteban segue estando de moda. Vostede xa escribía sobre ela en 2011.

—É un escándalo que TVE incorpore un programa que é pura factoría de Telecinco e que busca a audiencia a toda costa. Pero antropolóxicamente é moi interesante o universo de Belén Esteban, e a paixón de telenovela dos bós e malos de Sálvame. Tamén Pasolini reivindicaba a sección de sucesos, porque aí é realmente onde aparece o pobo: como era a vida, as súas paixóns lonxe das noticias serias da alta política. 

 

—Que foi do 15M?

—Un movemento moi interesante, unha das poucas vías de politización da sociedade. Representou a esperanza ata que os profesionais académicos da política se apropiaron del. O peor do movemento foi a súa traslación á política institucional, chegou o desencanto e a aterraxe foi dura.

—Agora todo é flor dun día?

—É unha sociedade máis líquida como digo no libro Liquidación de existencias. Hai un cambio acelerado que leva á destrución das estruturas sociais e da comunidade, con cada vez máis doses de incerteza. Cada vez estamos máis sós, sen colchón social.