O alcalde dAs Pontes pide a Infraestruturas mellorar a estrada AC-861

La Voz FERROL

FERROL

JOSE PARDO

«É urxente mellorar unha infraestrutura que conta con poucas zonas de adiantamento, algunhas moi perigosas», afirmou nunha reunión coa conselleira da área

04 dic 2024 . Actualizado á 05:00 h.

O alcalde dAs Pontes, Valentín González Formoso, reuniuse coa conselleira de Vivenda e Infraestruturas, María Martínez Allegue, para tratar a «urxente necesidade» de mellora da estrada AC-861, que conecta As Pontes con Cabanas. Formoso incide en que a vía está obsoleta, con poucas zonas de adiantamento e algunhas perigosas, polo que propón, entre outras medidas, a construción de circunvalacións en Goente e A Capela para mellorar a seguridade viaria. «É urxente mellorar unha infraestrutura que conta con poucas zonas de adiantamento, algunhas moi perigosas», afirmou. Apunta a elevada densidade de tráfico, con máis de 5.000 vehículos diarios, e a necesidade de garantir unha conexión coa AP-9. En canto ao Plan de Vivenda, o alcalde presentou medidas para rehabilitar e rexenerar o parque local. A conselleira expón asinar un convenio de colaboración co que os propietarios poderían acceder a seguros de falta de pagamento de alugueiro e de danos.