Tres bandas de Galicia, Asturias e Irlanda, na final do Runas do Festival de Ortigueira

LA VOZ ORTIGUEIRA

FERROL

TONI REGO

Alana, Buíoch e Picarós actuarán na xornada inaugural do Mundo Celta, o 11 de xullo

25 may 2024 . Actualizado á 05:00 h.

A banda galega Alana, os irlandeses Buíoch e os asturianos Picarós son os tres finalistas do certame Runas de bandas noveis deste ano e actuarán na xornada inaugural do Festival de Ortigueira.

Alana, que mestura música tradicional con ritmos electrónicos e pop, gañou a votación en liña (representa un punto de cinco, os outros catro decídeos o xurado, formado por Alberto Balboa, Rodrigo López, Pedro Fariñas e Rita Tojeiro).

De Buíoch destaca «o son único e enérxico» e de Picarós, terceiro clasificado polo voto virtual (emitíronse 22.700), «a fusión da música de sempre con elementos contemporáneos». Cada grupo finalista percibirá 1.500 euros e o gañador formará parte do cartel de 2025, cun caché de 3.000 euros. O Runas celebrouse cada ano desde o 2000.