O Primeiro de Maio en Ferrol: acurtar a xornada laboral e subir salarios

F. F. FERROL

FERROL

A ameaza de choiva desluciu as dúas manifestacións que percorreron o centro da cidade

01 may 2024 . Actualizado ás 21:38 h.

Varios centenares de persoas participaron este mércores nas dúas manifestacións convocadas polos sindicatos para festexar o Primeiro de Maio en Ferrol. O mal tempo minguou a participación nos actos reivindicativos, nos que se lanzaron consignas a favor do pleno emprego, da redución da xornada laboral e do incremento dos salarios da clase traballadora.

A manifestación organizada de forma conxunta por UGT e CC.OO. partiu da praza do Inferniño para dirixirse cara ao centro da cidade a través do túnel subterráneo da praza de España e a rúa Real, onde coincidiu coa protesta impulsada pola CIG. Ambas percorreron por separado o barrio da Magdalena para acabar na praza de Armas e o Cantón, respectivamente. En ambos os casos, destacou a forte presencial policial, tanto de axentes municipais como da Nacional.

O Día do Traballo en Ferrol comezou ás once da mañá, cando o PSOE e UGT renderon unha homenaxe ao creador do Partido Socialista e dese sindicato, Pablo Iglesias Posse, cunha ofrenda floral no monólito do Cantón dedicado a ese ferrolán ilustre. Anxo Mato, secretario xeral dos socialistas ferroláns, proclamou que os «herdeiros dos fundadores» do partido e da UGT vivían un día de reivindicación dos valores orixinais do socialismo democrático de equidad social e servizos públicos. Proclamou as aspiracións de «gañar poder adquisitivo» para a clase obreira e destacou os retos que teñen por diante, como un novo Estatuto dos Traballadores, a sustentabilidade das pensións e a subida do salario mínimo.

Mato tamén alertou sobre a «ameaza da dereita e da ultradereita», que queren, engadiu, «dinamitar os dereitos» conseguidos nos últimos anos. «Compre reivindicar a nosa historia» e «frear a política da vergoña da ultradereita, apoiada polo PP», instou, para proclamar, finalmente, «nin un paso atrás».

CESAR TOIMIL

O acto finalizou coa Internacional. O histórico himno do movemento obreiro soou tamén nas dúas manifestacións convocadas por separado polos principais sindicatos, coas que UGT e CC.OO., por unha banda; e CIG, por outro, reclamaron obxectivos similares para os traballadores. Encabezada por unha pancarta que proclamaba «polo pleno emprego, menos xornada, mellores salarios» desenvolveuse a marcha organizada de forma conxunta polas dúas principais centrais estatais.

José Furtado, responsable de Comisións Obreiras na comarca, celebrou que Pedro Sánchez teña decidido continuar na Moncloa, porque así «temos a sorte de que vai seguir un Goberno progresista», aínda que instou a asinar un pacto de Estado pola industria da comarca, xa que, lembrou, o desenvolvemento económico das Pontes está pendente da execución de varios proxectos que están suxeitos a aprobación.

José Anxo Ventureira, responsable da federación de Industria de UGT, defendeu a necesidade de mellorar as condicións dos traballadores para que «sexan clase media de verdade».

Entre os manifestantes, Lupe Hernández e Soledad Lucero, de México e Ecuador, respectivamente, que, desde a asociación de mobilidade humana, de empregadas do fogar e coidados, defenden os dereitos das mulleres migradas.

Manuel Grandal, responsable da CIG, reivindicou a loita contra a pobreza laboral dos traballadores. Por iso, dixo: «Demandamos a derogación da reforma laboral do 2012 que foi un tsunami para os dereitos da clase traballadora» e a redución da xornada laboral.