Saboreando a música do grupo folk Caldo desde Canido

FERROL

I. VALERIO

A formación acaba de sacar á luz un novo disco

20 feb 2024 . Actualizado á 05:00 h.

Lugar A Ponte é título do segundo disco dun grupo folk co nome dun dos pratos máis tradicionais en Galicia. E é que Caldo é tradición, folk en estado puro con toque contemporáneo. Veñen de terras do sur de Galicia, pero dous dos seus compoñentes mudáronse por motivos laborais ao norte e aquí está agora o seu centro de operacións. Anaïs Barbier, voz e pandereita, e Pedro Fariñas, na guitarra, viven agora en Ferrol. El agora é profesor de gaita no conservatorio Xan Viaño e ambos acaban de ser pais. Así que, por un tempo, á que lle toca subir o Ferrol desde Nigrán é a María Jorge, a violinista de Caldo, o terceiro ingrediente dun saboroso conxunto de musical que acaba de sacar o seu segundo disco titulado Lugar A Ponte, baseado en melodías tradicionais galegas integradas en novos contextos sonoros, xunto a pezas propias ás que lles deron aires europeos e atlánticos. Están a piques de iniciar xira e chámanos a atención escoitar a canción Cáncaro d'abril soando estupendamente, coma se de nun concerto tratásese. Pero só ensaian e fano nunha das salas do Centro Cívico de Cánido onde se deron cita por primeira vez este sábado. Verémoslles máis veces e no mes de maio en Vos Xoves na Capela, no Torrente Ballester. Teñen un directo moi vivo e o seu bo facer fíxoos merecedores do Premio Martín Códax na categoría de folk. Tamén foron gañadores do concurso Fran Pérez Narf da Deputación da Coruña. En Lugar A Ponte soan a próximo, de casa, como o caldo da avoa pero con toque de contemporaneidade. Un pracer ter en Ferrol a Pedro, Anaïs e María.