As voces caladas

José A. Ponte Far VIÉNDOLAS PASAR

FERROL

10 dic 2023 . Actualizado á 05:00 h.

Teño diante de min unha páxina dun suplemento dominical coa foto dos recentes Premios Nobel de Medicina, Física, Química e Economía, e comprobo que nin as súas caras nin os seus nomes sóanme de nada. Son, para min, uns perfectos descoñecidos. O seguinte que penso é que aquí algo falla. Nun mundo tecnificado, con investigacións espectaculares no campo da ciencia e do medicamento, resulta que somos unha inmensa maioría os que non sabemos nada de quen é os protagonistas destes sorprendentes adiantos. E esta ignorancia vén de lonxe. Eu, durante a miña infancia e ben entrada adolescencia, cría que Ramón e Cajal, o noso primeiro premio Nobel (cuxa foto vira nalgún sitio), era un santo, coa súa barba e mirada profunda, porque se parecía aos santos que protagonizaban a maioría das películas que nos puñan os cura no colexio…

A pena é que, probablemente, moitos de nós seriamos potenciais oíntes ou televidentes de programas audiovisuais que tratasen temas relacionados coa ciencia e coa tecnoloxía, e que lles desen voz e presenza a todos estes sabios admirables.

En España parece que para ser culto basta con saber de literatura, música e historia, aínda que descoñezamos o máis elemental das Ciencias experimentais, da informática, da robótica etc. E é un erro. Nestes tempos máis que nunca necesitar saber algo de todo, do humanístico e do científico, para acadar un nivel cultural eficaz e proveitoso. E para iso nada mellor que aproveitar o grande invento da televisión e emitir programas nos que se poida escoitar a persoas como estes premiados co Nobel.

Hai no mundo, e en España tamén, científicos, investigadores, enxeñeiros, arquitectos, filósofos etc., que teñen moitas cousas interesantes que contar, e nós, necesidade de decatarnos. Pero non os coñecemos, porque non aparecen nin nas ondas radiofónicas nin nas pantallas. Estas están ocupadas permanentemente polos mesmos de sempre: eses que están enteradísimos dos amores ou infortunios dos famosos da farándula ou tertulianos de pouco peso e nesgados razoamentos. É dicir, están sempre os que non fan ningunha falta que estean, os que non teñen nada que dicir.

O frívolo, o banal, o inconsistente é o que parece interesar. Os outros, en cambio, os sabios e a xente da investigación, da ciencia e do pensamento, están nas súas mesas de traballo, rodeados de libros, silencio e anonimato. Ninguén os chama para falar do que saben, nin a televisión, nin a radio, nin a prensa teñen espazos nos que poidan intervir. O lóxico, nun país normal e en tempos normais, sería que calasen dunha vez os da frivolidade e puidésemos aprender algo dos sabios.