Ofrenda floral a Fontenla Leal polo Día de Galicia

LA VOZ FERROL

FERROL

KIKO DELGADO

O acto, presidido polo alcalde, desenvolveuse na praza do Himno Galego

25 jul 2023 . Actualizado á 00:44 h.

Coa tradicional ofrenda floral no monumento Xosé Fontenla Leal, Ferrol conmemorou o Día de Galicia. O alcalde, José Manuel Rey Varela, presidiu o acto celebrado na praza do Himno Galego, no que estivo acompañado de Lourenzo Fernández Prieto, da Real Academia Galega, ademais de asociacións culturais da cidade.

Enxalzou a figura de Fontenla Leal: «Persoeiro clave na creación da Real Academia Galega e divulgador incansable da cultura galega desde Cuba, país ao que emigrou xunto a seus pais». Nas súas palabras tamén lembrou a outro ilustre ferrolán, Ricardo Carvalho Calero, así como ao mindoniense Pascual Veiga e ao pontecesán Eduardo Pondal. «Cómpre poñer en valor ás persoas que sentaron as bases da nosa cultura, pero tamén é igual de necesario traballar no presente cunha ollada ao futuro, para seguir mantendo vivo todo aquilo que nos identifica como galegos», defendeu o rexedor durante a súa intervención. Enxalzou a lingua, a música, a arte, o folclore ou a gastronomía como elementos diferenciadores e outros máis circunscritos o Ferrol, como o real Coro Toxos e Froles, que puxo música ao acto.