José Enrique Fernández Piñón, supervisor de rehabilitación hospitalaria: «Foron 42 anos e seis meses currando, pero voume orgulloso de moitos logros»

Bea Abelairas
Bea abelairas FERROL / LA VOZ

FERROL

José Enrique Fernández Piñón
José Enrique Fernández Piñón JOSE PARDO

«O cariño dos pacientes é inmenso: un pediu a súa eutanasia e quixo volver verme para despedirse uns días antes»

02 may 2023 . Actualizado ás 21:11 h.

José Enrique Fernández Piñón chegou ao Arquitecto Marcide o ano do Mundial do Naranjito. «Todo cambiou moito, recordo que aparcabamos na porta do hospital: eramos cinco fisioterapeutas no 82 e ¡non tiñamos lista de espera!», conta cun sorriso que leva case sempre posta. José, ao que case todo o mundo chama Pepe, era ata fai nada o supervisor do servizo de rehabilitación do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol. Pero foi moito máis desde que comezou a traballar no xeneral fai catro décadas. Para empezar, foi un dos artífices de que a súa especialidade, a fisioterapia, tivese a súa propia carreira.

«Eu estudei Enfermería e deime conta de que a rehabilitación era o que me gustaba, así que me fun a Madrid a facer a especialidade, naqueles momentos era así», explica sobre unha situación que cambiou unha década máis tarde e grazas aos seus esforzos. José tivo papeis moi relevantes na asociación profesional a nivel nacional e conseguiron que a fisioterapia se convertese nunha carreira: «Gustoume que quedase en Ferrol e fixen todo o que puiden, pero finalmente a carreira foise para A Coruña». Toda esa lea de reunións e negociacións sumouse ao trajín o seu posto de supervisor no Marcide: «Non me gusta a palabra supervisor, non se supervisa nada, organízase, fálase, trabállase en equipo, esa é a gran clave... Gústame moito máis como se denomina a esta figura na Atención Primaria: coordinador».

«Un equipazo»

José confésase feliz na etapa que acaba de estrear e iso que non é como a soñou: «Hai dous meses morreu a miña muller, Charo, dunha enfermidade que nos chegou por sorpresa e fulminante....», conta sen poder reprimir as bágoas. O final da súa etapa laboral pasouna, precisamente, sentado xunto á cama da súa esposa, xusto alén de onde sempre estivo. «Foi moi duro, pero deime conta dos equipazos que hai nos hospitais: de todas as persoas que pasan por un cuarto e de todas as cousas que fan polo paciente, xa o sabía, pero ao vivilo desde o lado do paciente encheume de orgullo aínda máis o labor que se fai», rememora sobre unhas xornadas nas que se viu especialmente reconfortado.

«A sanidade pública é unha marabilla, é un tesouro incrible: nun cuarto entra unha auxiliar e fala co paciente, suxírelle se quere un xeado cando está baixa, despois chega a enfermeira que a coida igual, máis tarde o especialista, disposto a conseguir medicamentos, a buscar terapias onde sexa —detalla—. Todo iso é unha marabilla».

«Son un ferrolán de prol, a xubilación vaime a permitir gozar de verdade da cidade»

Pepe explica que a fisioterapia tamén implica unha relación moi directa e persoal co paciente: «Hai que conectar con eles, porque hai que traballar e se as cousas van ben de cada sesión sáese cun avance, así que lle cambias a vida». Un dos exemplos que pon é, xustamente, unha das unidades pioneiras en Ferrol, a dedicada á recuperación do chan pélvico. «Seguimos sendo un referente nese tema e mesmo nos mandan pacientes doutras áreas», explica sobre unha das longa lista de accións que impulsou ao longo da súa carreira. «Foi moito traballo, porque foron 42 anos e seis meses currando, pero voume orgulloso de moitos logros, voume satisfeito».

«O cariño dos pacientes é inmenso: un pediu a súa eutanasia e chamoume para despedirse»

Recoñece que a profesión é dura, aínda que lle fixo feliz. «De oito a tres cun paciente cada media hora, son xornadas duras, porque se traballa con moitas enfermidades e cada vez hai máis avances médicos que nos permiten rehabilitar onde antes non existía esa posibilidade», explica.

O seu servizo tivo un papel crave na pandemia: «Como supervisor foi duro mandar a profesionais a traballar á uci, co risco que había de contaxiarse de covid, pero era esencial, porque se movía ás persoas que estaban nas peores situacións: lembro imaxes de persoas intubadas ás que se levantaba, facíaselles exercicios, unha proeza que tivo a súa repercusión, porque desde a pandemia xa hai fisioterapeutas nas unidades de coidados intensivos, xa se demostrou a súa importancia».

Outra das súas obsesións foi sempre a de levar a fisioterapia a todos os centros de saúde. E a de ter un trato próximo cos seus pacientes, algo que considera esencial. «É moi importante, porque hai que conectar a nivel mental con eles, ou non saímos adiante... Hai pouco chamoume un que padecía ELA, unha enfermidade terrible, eu xa estaba a coidar á miña muller, pero pediume que o visitase... Aí ves que o cariño dos pacientes é inmenso: neste caso solicitara a eutanasia e quixo volver verme para despedirse uns días antes. Emocionoume tanto que se acordase de min...».