Malestar entre propietarios pola demora, que a Xunta achaca á súa complexidade
11 ene 2019 . Actualizado á 10:35 h.O Plan Reitor de Usos e Xestión (PRUX) do parque natural das Fragas do Eume, un documento crave para os propietarios e para a protección deste espazo natural, acumula dúas décadas de atraso. A Xunta publicou o Plan de Ordenación dos Recursos Naturais das Fragas do Eume o 5 de xuño de 1996 e ao ano seguinte aprobou o decreto polo que se declaraba oficialmente parque natural. A propia Administración autonómica estableceu que o PRUX debería redactarse nun prazo de dous anos a partir da declaración e renovarse cada cinco. Por iso é polo que a demora pase xa os 20 anos e, segundo recoñece a Consellería de Medio Ambiente, alongarase.
«Seguimos a traballar no PRUX, mantendo reunións cos sectores e cos propietarios [un número importante], co fin de conciliar o contido do mesmo. A tramitación vai un pouco máis lenta, dada a complexidade da xestión, a multitude de propietarios privados con intereses no mesmo e a súa extensión», explican desde o departamento que dirixe Ángeles Vázquez. A finais de outubro, a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén Docampo, iniciou «unha nova» rolda de contactos, aberta á participación de institucións, empresas e asociacións de propietarios do parque. Pretendían pechala antes de que acabase o ano, pero non foi así. «O obxectivo -recalcan- é que a Xunta reciba e escoite a opinión sobre o contido do PRUX de todos os sectores con intereses neste espazo». Insisten en que este ano será o definitivo, cando o plan vexa finalmente a luz.
«Non sei a que están a agardar, non sei que dificultades teñen, é unha débeda cos propietarios desas zonas e coa sociedade, porque afecta aos primeiros, pero tamén a toda a comarca», esgrime Ángeles Pita, a cargo da Asociación Parque Natural do Eume, Natureza e Desenvolvemento. «Teñen os estudos ambientais feitos e refeitos, abonda con que aclaren que queren protexer e onde. Que cumpran a lei, queremos un parque permanente, non subvenciones, que compren e indemnicen aos afectados. É unha zona especial, moi produtiva, e está abandonada», denuncia. Critica, doutra banda, a gratuidade do servizo de bus para visitar o parque, operativo no verán ou en Semana Santa: «Por que temos que pagarlle a viaxe a quen queira velo, ademais de pór as árbores, o osíxeno... e sufrir o abandono?».
A Unión da Propiedade para a Defensa das Fragas do Eume, outro dos colectivos que aglutinan ao maior número de propietarios, xa pediu en febreiro a retirada do PRUX e a redacción dun novo documento, que garanta un equilibro entre a conservación do medio ambiente e o desenvolvemento socioeconómico, nas máis de nove mil hectáreas do parque natural.