O Ferrolterra xa ten robot profesor

Bea Abelairas
Bea abelairas FERROL

FERROL

cedida

O dispositivo envía mensaxes ao cadro docente e interactúa con todos os alumnos

10 sep 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

O pasado mes de maio o Ferrolterra recibía varios premios polos seus proxectos innovadores e un deles era para un hospital de robots que se converteu no xerme dun sistema que multiplicará as posibilidades educativas. «Creamos un novo robot, o K-Bot, que poderá recompiar datos da súa contorna e interactuar con toda a comunidade educativa, mesmo conectarse cos profesores», explica Tino Fernández Cueto, profesor do Ferrolterra e un dos responsables desta iniciativa.

Cando recibiu o galardón xa anunciou o desenvolvemento que ía supor: «Grazas ao premio tivemos máis fondos para modernizar unha idea xa en marcha e moi útil: o hospital de robots do Ferrolterra», conta sobre unha proposta na que conseguiron implicar a moitos docentes e ao Centro de Formación de Profesorado. Comezaron reparando centenares de dispositivos dos centros da comarca e co premio reestruturaron o taller ata deseñar estes robots-profesores que comezarán a usarse este curso.

«É unha experiencia que está aberta a que o profesorado aprenda a construír o propio robot grazas aos alumnos do módulo de FP de mantemento electrónico», explica Miguel de Castro, do Centro de Formación de Profesorado, que está moi envorcado coa área de robótica.

Mensaxes aos docentes

O K-Bot conta co valor especial de que cada aula o pode programar para un traballo concreto en todas as materias que se queira. Ademais, é capaz de comunicarse cos profesores enviándolles mensaxes, entre outras moitas posibilidades que tanto docentes, como alumnos terán que ir descubrindo e desenvolvendo xuntos.

Ata de Gales

Por esta razón o taller que crearon en Ferrolterra presta un labor esencial, xa que permite dar clases aos membros da comunidade educativa que o soliciten para que as materias de robótica triunfen como o están facendo. E non só acoden persoal docente da cidade e a comarca, a estas pasantías de robótica chegou mesmo un grupo de Gales. O profesor responsable ten claro que gran parte do éxito débese ao entusiasmo dos docentes, pero tamén á colaboración do Centro de Formación de Profesorado e os alumnos do ciclo de mantemento electrónico do Ferrolterra. Entre todos lograron unha iniciativa que xa destacou en feiras, como a celebrada en Santiago ao redor das materias STEM, é dicir, ciencia (science), tecnoloxía (technology), enxeñería (engineering), e matemáticas (math).

A lista de características do robot deseñado por o Ferrolterra é longa: é doado de montar e non necesita pilas, pero, ademais, é especialmente útil para traballar con pequenos que teñen problemas de visión ou audición.

Os profesores nunca se sentirán perdidos, porque conta cun amplo número de páxinas nas que se explica o seu funcionamento. A realidade aumentada e o 3D son posibles neste dispositivo capaz de localizar obstáculos e superalos.

 Control desde unha app

O K-Bot pódese manexar desde unha aplicación e ata envía mensaxes aos profesores que estean interactuando cun dispositivo do que os seus propios creadores aseguran que ata ten currículo.