Enrique Tenreiro, o artista coruñés que pintou a tumba de Franco, ve unha «boa noticia» o apoio de Fiscalía

La Voz A Coruña

ESPAÑA

MARCOS MÍGUEZ

Considera que o ditador non merecía «un mausoleo» polo que asegura que ter protagonizado esa acción foi «unha honra»

26 oct 2022 . Actualizado ás 15:08 h.

O escultor coruñés que pintou sobre a lápida do Franco no Val de Cuelgamuros (antes Val dos Caídos), Enrique Tenreiro, sostivo este mércores en declaracións a axénciaa Efe que o recente apoio da Fiscalía á súa absolución no Supremo, a diferenza do que ocorrera en primeira instancia, é «unha boa noticia».

A Fiscalía pediu ao Tribunal Supremo que confirme a absolución de Enrique Tenreiro porque a súa actuación non impediu o exercicio da liberdade relixiosa ao non afectar á celebración da misa. «Para min é unha noticia bastante boa nun proceso no que tiven que remar en contra todo o intre», resumiu.

Tenreiro lembra que o fiscal que levou o caso na Audiencia Provincia ofreceulle declararse «culpable» a cambio dunha redución da condena. «Deixábamo nun ano de cárcere. Contestámoslle que non, que estaba moi orgulloso de ter feito iso, para a democracia e para a recuperación dos españois», declarou.

Considera que Franco non merecía «un mausoleo» polo que ter protagonizado esa acción fora «unha honra» para el.

Agora a Fiscalía dálle a razón, nunha circunstancia que ve «curiosa» porque en primeira instancia saíu absolto con dous votos favorables de dúas maxistradas e contra o criterio dun maxistrado e o fiscal, pero neste momento é outra muller a que lle dá a razón. «Todas as mulleres que pasaron por este tema estiveron ao meu favor e os homes, en contra, empeza a ser curioso e anecdótico», valorou.

O escrito da Fiscalía que pide a confirmación da sentenza dálle «moito alento de cara ao Supremo», onde a acusación só se mantén por parte da Asociación Para a Defensa do Val dos Caídos, «á que terán que ir cambiando o nome», conclúe.

A fiscal María Ángeles Garrido non ve indicios de que a súa intención fose atentar contra a liberdade de conciencia ou os sentimentos relixiosos.

O Ministerio Fiscal oponse a estimar o recurso que interpuxo a Asociación Para a Defensa do Val dos Caídos contra a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Madrid (TSJM), que á súa vez confirmou a resolución absolutoria da Audiencia Provincial.