Sáenz de Santamaría, en Pontevedra: «Galicia é terra de mestres»

Axencias

ESPAÑA

Atlas

«As contas da vella non funcionan», asegurou a candidata a presidir o PP ao ser preguntada polo apoio de Cospedal a Casado

16 jul 2018 . Actualizado ás 21:27 h.

A candidata a presidir o Partido Popular, Soraya Sáenz de Santamaría, afirmou este luns en Pontevedra que «as contas da vella non funcionan», en referencia ao Congreso que os populares celebrarán a próxima fin de semana. A preguntas dos xornalistas sobre o apoio de María Dolores de Cospedal ao outro candidato, Pablo Casado, a exvicepresidenta do Goberno dixo que cada un dos compromisarios que votarán no Congreso é «libre» e engadiu que «ninguén pode exercer a liberdade por todos os demais».

A preguntas dos xornalistas sobre o apoio de María Dolores de Cospedal ao outro candidato, Pablo Casado, a exvicepresidenta do Goberno dixo que cada un dos compromisarios que votarán no Congreso é «libre» e engadiu que «ninguén pode exercer a liberdade por todos os demais».

Santamaría afirmou que os populares teñen a «oportunidade» e a «responsabilidade» de botar ao socialista Pedro Sánchez do Goberno «canto antes», algo que só poderán lograr se do Congreso do PP sae un partido «unido, forte e gañador». Na súa intervención ante un centenar de compromisarios galegos, Sáenz de Santamaría reiterou que me gustaría» que chegase ao Congreso unha lista de integración «na que esteamos todos representados» porque así, dixo, «gañaremos todos». 

«Se o facemos antes do Congreso, é o que temos gañado», afirmou a exvicepresidenta do Goberno, que engadiu que, en todo caso, se os compromisarios optan por ela para liderar o partido en lugar de Pablo Casado esa integración «fareina despois», porque «non lle vou preguntar a ninguén a quen votou».

A candidata a presidir o PP reiterou a súa aposta pola «xenerosidade» e a «unidade» dentro do partido, polo que garantiu que «non deixarei a ninguén tirado» se resulta gañadora. Sáenz de Santamaría defendeu que ela busca ser o «cravo que una» ao PP para facelo «máis grande», defendendo «os mesmos principios e valores» pero chegando «a moita máis xente» e recuperando a confianza dos tres millóns de persoas que «deixaron de votarnos».

Para logralo, dixo, ofrece un liderado «firme» e experiencia «suficiente» para estar na oposición «e logo gobernar», e asegurou ter «enerxía, ilusión e ganas» e estar «apoiada pola militancia».

O actual Goberno, que a exvicepresidenta ve sostido por un «pacto de perdedores», terá «data de caducidade», o día que Sánchez convoque eleccións, pero para iso, reiterou, o partido «ten que abrirse» e responder os problemas do século XXI» que afronta España «non con receitas dos 90».

O PP que saia do congreso do próximo día 21, asegurou, «débese parecer ao mellor PP» e non parecerse a «experimentos» doutros partidos «que nacen de arriba a abaixo» e que primeiro «escollen a un líder» e logo «ensínanlle a comunicar», indicou.

Abrir o curso político en Galicia

A candidata a presidir o PP tamén se comprometeu a seguir «a tradición de abrir o curso político en Galicia en setembro» se gaña o congreso desta fin de semana. «Cada ano nunha provincia», apostilou. A aspirante a suceder a Mariano Rajoy referiuse á a orixe galega do actual presidente do partido, á presidenta do Congreso, Ana Pastor, e aos expresidentes autonómicos Manuel Fraga e Gerardo Fernández Albor -ambos xa falecidos-, para cualificar Galicia como «terra de mestres».

A presentación da súa candidatura en Pontevedra contou coa asistencia do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo -que arroupou tamén o pasado mércores a Pablo Casado e a todos os candidatos na primeira volta-, e os catro presidentes provinciais do partido -Manuel Baltar (que non acudira ao encontro organizado con Casado), Diego Calvo, Elena Candia e Alfonso Rueda-, ademais do presidente do Parlamento galego, Miguel Santalices.

O seu compromiso de manter en Galicia o acto de inicio do curso político -con permiso, dixo, do presidente provincial do PP de Valladolid , tamén presente, para que non llo tivese «en conta»- arrincou os primeiros aplausos, nada máis comezar a súa intervención.

Tamén foi ovacionada cando, nunha das súas numerosas alusións a Rajoy, desexou que se despedise» este venres tras presentar o seu balance, «cun partido unido e forte». Para iso, Sáenz de Santamaría insistiu en «intentar ata o último momento» que se forxe unha «lista integrada» onde estean «representados todos».

Feijoo non se decanta e aposta por «ser pruedente»

Máis tarde, en Santiago, a exvicepresidenta e candidata a liderar o PP asegurou que agarda que, tras o apercibimiento do partido, vídeos como o que descualifica o seu proxecto non se volvan a repetir. Na capital galega e ao seu lado Feijoo apostou de novo por «ser prudente» cos candidatos a presidir o partido a nivel estatal no XIX Congreso desta fin de semana, e reclamou «ter respecto» por Soraya Sáenz de Santamaría e Pablo Casado durante o período de presentación dos seus programas e «ver que ocorre».

Con todo, e a preguntas dos medios no acto en que acompañou á exvicepresidenta en Pontevedra, non descartou celebrar un encontro cos compromisarios galegos: «Se o hai, nos últimos días», precisou.

Co gallo da estancia de Sáenz de Santamaría en Pontevedra, Núñez Feijóo sinalou que no PPdeG non o teñen «pensado» e que tampouco houbo «ningún contacto» cos presidentes provinciais do partido. «Non temos ningunha decisión tomada», afirmou o dirixente popular galego sobre a posibilidade de que a dirección oriente o voto dos compromisarios.

«Saben que se xogan algo moi importante, que na próxima convocatoria electoral os resultados sexan bos e o partido saia fortalecido do Congreso», explicou Núñez Feijóo sobre a misión dos compromisarios. En cambio, sinalou que «teñen que manter a súa liberdade para elixir na última fase do Congreso», igual que os militantes a tiveron para decantarse entre os seis aspirantes iniciais.

Así, insistiu en que han de «votar en conciencia e o que se mellor para o PP e as súas perspectivas electorais». No entanto, non desestimou a posibilidade de que xurda aínda «unha formulación de unión» entre as candidaturas de Santamaría e Casado.

Con todo, leste mesmo luns, o portavoz parlamentario do PPdeG, Pedro Puy, manifestou a súa intuición de que a maioría dos compromisarios galegos votará na mesma liña, se é que chegan as dúas candidaturas ata a fin de semana. «Na medida en que todo isto se vaia decantando de forma natural, o máis probable é que todos (os delegados) vaian nunha liña semellante», afirmou.

Feijoo pedirá este martes a Sánchez «os mesmos compromisos» que Rajoy tiña con Galicia

O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, avanzou que pedirá ao presidente do Goberno, Pedro Sánchez, «os mesmos compromisos» que o seu predecesor no cargo, Mariano Rajoy, tiña con Galicia.

Preguntado sobre a reunión que manterá mañá con Sánchez, Núñez Feijóo explicou que «o que cambiou» foi o partido que apoia ao Goberno «pero non os compromisos» de España con Galicia.

Todos eles, dixo, están recollidos nos Orzamentos Xerais do Estado e en «diversos documentos protocolarios», sinalou en Pontevedra acompañado pola que exvicepresidenta Soraya Sáenz de Santamaría. 

O presidente da Xunta dixo que irá á reunión co novo inquilino da Moncloa coa «firme vontade» de «refrescar» eses compromisos con Galicia «pechados co Goberno anterior», xa que defendeu que non cambian «en función de que partido estea á fronte» do Executivo. O PSOE cando estaba na oposición, engadiu Feijóo, era «moi ambicioso» nas súas propostas e «pedía moitas cousas» que, segundo o presidente galego, el «nin sequera» vai expor na reunión de mañá.