Cando entrará Iñaki Urdangarin en prisión?

M.V

ESPAÑA

Enrique Calvo | reuters

Este mércores, a Audiencia Provincial de Palma entregaralle a orde de entrada en prisión. Ingresará de forma inmediata? Que pasa se pide amparo ao Constitucional?

12 jun 2018 . Actualizado ás 17:55 h.

Iñaki Urdangarin foi citado este mércores pola mañá, entre as 9 e as 14 horas, na Audiencia Provincial de Palma. Ata a capital balear deberá desprazarse desde o seu actual país de residencia, Suíza, para recibir en man a orde de entrada en prisión. Segundo o fallo do Supremo feito público este martes, o exduque de Palma terá que pasar cinco anos e dez meses entre reixas por prevaricación, malversación, tráfico de influencias, fraude e dous delitos fiscais. Ten a estas alturas forma algunha de esquivar o cárcere? Ingresará directamente esta semana nun centro penal? Que é o que vai pasar a partir de agora?

Seis anos e tres meses, a condena inicial

En febreiro do 2017, Urdangarin foi condenado pola Audiencia de Palma a seis anos e tres meses de prisión por desviar diñeiro público a través do Instituto Nóos. O cuñado de Felipe VI recorreu ante o Supremo e pediu a súa absolución. A Fiscalía, pola súa banda, reclamou elevar a pena a dez anos ao consideralo «motor», xunto ao seu socio, Diego Torres, de toda a «secuencia dos delitos cometidos».

o supremo A REBAIXA EN CINCO MESES

Un ano e catro meses despois daquel fallo, a condena inicial foi rebaixada en cinco meses polo Supremo, ao entender que, de todos os delitos, non quedou probado que Urdangarin cometese o de falsidade documental. O alto tribunal ha desestimado o recurso da Fiscalía e o da acusación particular, presentada na asociación Mans Limpas. Así, o marido da infanta Cristina enfróntase finalmente a unha pena de cinco anos e dez meses de prisión. Este mércores deberá presentarse en persoa na Audiencia Provincial de Palma para recoller en man o mandamento de ingreso

A EXECUCIÓN DA SENTENZA

O condenado terá agora unha marxe de varios días para escoller centro penal. E dúas opcións ás que aferrarse nun último intento de sortear a prisión: pedir o indulto ou solicitar amparo ao Tribunal Constitucional. En caso de sospeitar que algún dos condenados ten en mente eludir a acción da Xustiza, a audiencia provincial podería ditar un ingreso inmediato. 

O indulto. É unha medida outorgada polo rei a proposta do Goberno, en concreto, do Ministerio de Xustiza. Se Urdangarin decide recorrer a el, o tribunal de Palma deberá decidir se agarda a concesión ou non en liberdade, ou xa no cárcere. O expresidente do Goberno de Baleares, Jaume Matas, permaneceu libre ata que se resolveu esta petición, que finalmente lle foi denegada. 

O amparo ao Constitucional. Se o exduque de Palma considera que algún dos seus dereitos fundamentais foi vulnerado, ten a posibilidade de recorrer ante o Tribunal Constitucional. Neste caso, poden pasar tres cosas: que esta corte admita o recurso e que acepte que Urdangarin siga na rúa ata que se pronuncie; que o acepte. pero que ordene o encarceramento do cuñado do rei mentres delibera; ou que directamente o rexeite e dite o seu peche inmediato. Segundo o exmagistrado do Tribunal Supremo Martín Pallín, o Constitucional rexeita suspender a execución do ingreso no cárcere no 99 % dos casos.