Feijoo: «Non hai precedentes de tantos enganos ao conxunto dos españois»

Juan María Capeáns Garrido
Juan capeáns SANTIAGO / LA VOZ

ESPAÑA

SANDRA ALONSO

Galicia seguirá puxando pola sede da Axencia do Medicamento, á que aspira Barcelona

12 oct 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

Con menos solemnidade que no Parlamento de Galicia e cun rexistro dialéctico distinto, pero coa mesma contundencia para pór de volta e media o proceso impulsado polo independentismo catalán. O presidente da Xunta valorou tras unhas horas de reflexión os últimos movementos do Goberno catalán e a súa conclusión foi esta: «Estamos ante unha gran chapuza de carácter continuado, primeiro cunha lei suspendida, despois cun referendo sen garantías e agora cunha declaración de costas ao Parlamento, asinando o contrario do que se dixo. Non hai precedentes de tantos enganos ao pobo e ao conxunto dos españois, e os cataláns non se merecen esta humillación».

A pesar do ton, Feijoo advertiu que non nos atopamos «ante un suposto menor: esta magnífica chapuza -insistiu- supón o incumprimento da Constitución, do Estatuto e das súas propias leis», e advertiu sobre as intencións reais dos independentistas: «Só queren perpetuar un negocio, non unha nación». Denunciou o presidente  o «empobrecemento» que está sufrindo o pobo catalán e lamentou a capacidade de Puigdemont para dividir aos cidadáns «e aos propios independentistas».

Ademais, Feijoo, que hoxe participará en Madrid nos actos do 12 de outubro e que por iso adiantou ao mércores o Consello da Xunta, asegurou que Galicia segue na carreira para ser a sede da Axencia Europea do Medicamento, que deberá saír de Londres cando se active o brexit. Barcelona era unha das cidades mellor situadas e contaba co apoio do Goberno central. Con todo, «agora máis que nunca, reiteramos a candidatura galega», aínda que admitiu que Madrid ou Barcelona están mellor situadas pola súa relación coa industria farmacéutica. «E, de momento, Cataluña é España», puntualizou.

A resaca da desconcertante xornada histórica tamén se estendeu polas forzas con representación parlamentaria en Galicia. Así, Luís Villares (En Marea) lamentou que os chamamentos ao diálogo de Puigdemont teñan sido respondidos o Goberno con «ameazas», e tamén tivo unha mensaxe para os socialistas, aos que lles advertiu que escollen «malos compañeiros de viaxe» para reformar la Constitución».

Tamén abundou nas súas reflexións de urxencia o portavoz do PSdeG, que celebrou que se abran vías para unha reforma constitucional que En Marea non ve posible co PP no poder. Con todo, Fernández Leiceaga cre que así se pode atopar un «encaixe» a Cataluña dentro de España, pero para iso reclamou á Generalitat e á contorna que promove a independencia máis disposición para buscar puntos de encontro co resto da cidadanía.