Consellos para unhas vacacións saudables

C. MARTÍNEZ

EXPERIENCIAS

iStock

Dúas expertas propoñen, para gozar do Nadal ao máximo sen esgotar as enerxías, actividades como un retiro dixital ou darlles máis valor ás nosas tradicións

17 dic 2025 . Actualizado a las 09:07 h.

Dentro duns días comezan as vacacións de Nadal. Un período festivo que implica tempo libre para saír da rutina e gozar. «Non a todas as persoas lles encantan estas festas, e non pasa nada», afirma Conxita López, mestra e membro do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia (COPG).

Menos «scroll» infinito

«A televisión e as redes énchense de anuncios, mensaxes perfectas e moito brillo. E pode parecer que todo o mundo ten que ser feliz, mercar cousas ou vivir un Nadal de película, pero non é así» , remarca a profesional. Se notas que todo ese ruído te angustia, aconséllache que poñas un límite: «Menos scroll infinito e máis tempo real».

O Nadal, guste máis ou menos, ten algo bo: o tempo libre. Por iso, López propón un retiro dixital, desconectar do móbil. «Primeiro podes probar uns minutos sen pantallas, logo unha hora e, se te animas, un día enteiro». E con ese tempo que xa non dedicas á telefonía, prestar atención aos teus. «Pasa tempo cos avós, escoita historias que non saen en ningún libro. Xoga en grupo, pasea pola natureza ou visita a xente que queres».

E as tarefas escolares?

A psicóloga considera que tamén podes aproveitar para poñerte ao día con algunha tarefa escolar, pero puntualiza: «Sen estrés. Son vacacións, non un maratón». É dicir, que estas non supoñan todo o tempo libre das túas vacacións de Nadal.

Cóidate!

Para seguir con enerxía durante todas as vacacións, lembra coidarte. «Aproveitar para durmir ben, saír a airearte e comer con calma: cousas simples que axudan a manterse activo para facer plans», di López. Unhas pautas que subliña Rosaura Leis, catedrática de Pediatría e doutora no Hospital Clínico Universitario de Santiago (CHUS). «A saúde iníciase dende os primeiros anos de vida. Por tanto, a elección de estilo de vida que se faga agora será fundamental incluso para cando sexades maiores. Estas vacacións son boas para aproveitar para facer actividade física, durmir ben e coidar a alimentación», amplía.

Pon en valor a tradición

«É momento de recuperar a nosa cultura gastronómica, que é saudable e sostible. As familias, en xeral, estamos deixando de lado esta dieta por outras ricas en alimentos precociñados, azucre e graxas transaturadas», afirma Leis.

Os mellores mestres desa dieta, que se denomina atlántica pola nosa situación xeográfica, son os nosos maiores. «A dieta dos avós é saúde para nós», engade a catedrática de Pediatría. Por iso, axuda á familia preparando as típicas comidas de Nadal e propón pratos, como unha coliflor con patacas cocidas e bacallau. Puideches degustalo nalgunha ocasión? «É un prato moi bo no aspecto nutricional porque o peixe é fonte de omega 3», amplía Leis. Acórdate, iso si, de comer con moderación. «Soen ser días nos que as comidas duran moito tempo, copiosas, polo que é importante elixir un tamaño de ración adecuado».

Aceptas un reto?

López considera que, «se che vai o espírito rebelde», podes coller un catálogo de xoguetes e crear contraanuncios de Nadal. Tamén che anima a lanzarte a novos retos, como a papiroflexia, resolver pasatempos ou traballos manuais. «Rétate: cada día algo novo. Unha pequena misión diaria pode facer as túas máis divertidas. E xa que estamos, internet está chea de titoriais para aprender case que de todo: cociña, malabarismos, nós mariñeiros e incluso trucos coa bicicleta», suxire. O obxectivo é que ao acabar o día sintas que gozaches da xornada.

Un resumo do que podes facer

  1. Un retiro dixital. Conxita López recomenda desconectar do móbil uns minutos, unha hora... Poderías pasar un día sen el? «Menos “scroll” infinito e máis tempo real», di.
  2. Goza do tempo libre. O tempo libre, que de seguro que terás ao deixar o móbil a un lado, utilízao para estar cos teus, para xogar, facer exercicio, unha excursión pola natureza ou paseos.
  3. Durmir e comer. Para ter enerxía, non te esquezas de descansar o suficiente. Podes aproveitar estes días para non madrugar. E goza na mesa, pero con moderación: ollo coas comidas copiosas!
  4. Aprende tradición. Pasa tempo coas persoas maiores. Elas son as mellores mestras das tradicións que implican estas festas. E ten en mente isto: a dieta dos avós e saúde para nós.
  5. Rétate cada día. Podes lanzarte a novos retos cada día, unha pequena misión diaria para facer as vacacións máis divertidas: aprender novas habilidades, resolver pasatempos, traballos manuais. Goza!