A misión Artemis 2, que durou dez días, foi un éxito e permitiu descubrir a cara oculta do satélite, pondo fin a unha cegueira histórica
15 abr 2026 . Actualizado á 05:00 h.Léstelo no xornal, vístelo nas noticias e puidéstelo escoitar na radio… Cincuenta anos despois, o home volveu á Lúa. A misión Artemis 2 é historia da humanidade e tivestes a sorte de vivila.
Que é Artemis 2?
É a misión espacial liderada pola NASA, aínda que con colaboración europea, levada a cabo desde o 1 ata o 10 de abril. Forma parte do programa Artemis, un proxecto espacial que prevé que os astronautas pisen a Lúa, outra vez, antes do 2030.
Pero non estiveron na Lúa?
Non, esa nunca foi a finalidade da misión Artemis 2. O seu obxectivo era observar a cara oculta da Lúa. Para iso, os catro astronautas que ían dentro da nave Orion bateron a marca histórica de afastamento alcanzado por un ser humano: 406.771 quilómetros de distancia do planeta Terra.
E que fixeron?
A tripulación contemplou a Lúa desde unha perspectiva inédita se o comparamos coas históricas misións do programa Apollo que sobrevoaban a Lúa dende máis preto. Nesta ocasión, a nave Orion situouse a miles de quilómetros de distancia, o que permitiu aos astronautas observar o disco lunar completo.
Que é o programa Apollo?
Foi un proxecto co que cal a Administración Nacional para a Aeronáutica e o Espazo (NASA) aluou en 1969, 1971 e 1972.
Quen foron os astronautas?
Gregory Reid Wiseman (o comandante), Christina Koch, Victor Glover e Jeremy Hansen. Con eles, a misión Artemis 2 fixo que, por primeira vez, unha muller, un afroamericano e un canadense estiveran na órbita da Lúa.
Como foi a misión?
Imaxinade, moi complexa. O lanzamento realizouse desde o Centro Espacial Kennedy, en Florida, co pulo do foguete SLS, que lanzou a cápsula fóra da atmosfera terrestre. Pouco despois, Orion separouse do foguete e comezou a orbitar arredor da Terra durante unhas horas. Durante este tempo, a tripulación comprobou que todos os sistemas funcionaban correctamente antes de continuar a viaxe cara á Lúa.
Despois, a nave iniciou unha traxectoria chamada de retorno libre, que aproveita a gravidade da Terra e da Lúa para desprazarse. Durante varios días, os astronautas viaxaron cara o noso satélite e despois sobrevoárono.
Tras arrodear a Lúa, comezou a volta. A nave utilizou de novo a gravidade do eixe Terra-Lúa para regresar. Nesta fase, a tripulación preparou un dos momentos máis delicados da misión: a entrada na atmosfera da Terra. A nave entrou a gran velocidade ata converterse case nunha bóla de lume debido ao rozamento co aire. A nave estaba provista dun escudo térmico que limitaba a cantidade de calor no interior.
Despois despregáronse varios paracaídas que foron freando aos poucos a cápsula ata que o descenso fora seguro. Finalmente, a nave amarou no océano Pacífico, onde equipos de recuperación da NASA esperaban para recoller a tripulación e levala de volta a terra firme, pechando así unha misión histórica arredor da Lúa.
Saber máis do satélite para volver a el dentro duns anos
A misión Artemis 2 permitiu observar a cara oculta da Lúa como nunca antes o fixera o ser humano. Tanto que o seu comandante, Reid Wiseman, dixo: «Vimos cousas que ningún ser humano viu». Se ben é certo que os astronautas das misións Apollo xa estiveran na órbita lunar e tomaran imaxes, a nave Orion sobrevoou o satélite ata poder ver o disco lunar completo dunha soa vez. Esta perspectiva global fixo posible contemplar rexións afastadas que nunca foran observadas directamente polo ollo humano.
Durante o sobrevoo, a tripulación puido identificar cráteres e accidentes xeográficos que non se viran antes de forma directa, así como diferenzas de cor, brillo e texturas da superficie. Os astronautas destacaron que a Lúa non se percibe igual que desde a Terra, xa que aparecen tonalidades e matices máis complexos que axudan a comprender mellor a súa composición. Un dos aspectos máis sorprendentes foi a observación de fenómenos en tempo real, como escintileos de luz provocados por impactos de meteoroides na superficie lunar no momento exacto do choque. Tamén puideron presenciar unha eclipse total de Sol que durou 53 minutos, un fenómeno imposible de contemplar desa forma desde a Terra.
A clave está na combinación da órbita, a distancia e a iluminación. Antes os expertos dicían que había unha cegueira histórica. Ademais, o feito de que a observación fose directa, coa mirada humana, tamén foi fundamental, xa que o ollo pode detectar variacións sutís de cor e textura que as cámaras non sempre captan coa mesma precisión.
Os astronautas tamén observaron como a iluminación do Sol xeraba sombras alongadas que resaltaban cristas, pendentes e o relevo do terreo lunar, amosando estruturas que non serían visibles cunha iluminación máis uniforme. Mesmo se detectaron diferenzas entre grandes cráteres que axudaron a comparar o seu tamaño.
Actividade básica
Diario do espazo
Imaxina que es un dos astronautas. Escribe unha redacción coma se tratase do seu diario na nave Orion. Podes inventar os detalles, pero tes que basearte nos datos reais da viaxe espacial.
-----------
As actividades están deseñadas por L. Cancela
A carreira espacial do pasado entre Estados Unidos e a Unión Soviética
A chegada do home á Lúa grazas á NASA puxo fin a rivalidade que mantiñan as dúas grandes potencias mundiais durante a Guerra Fría
Houbo un tempo no que as grandes potencias do planeta non só competían na Terra, senón que querían conquistar o espazo. Esta historia de enfrontamento indirecto comeza en plena Guerra Fría entre os Estados Unidos e a Unión Soviética (a actual Rusia), un período no que ambos trataban de demostrar quen era máis poderoso en ciencia, tecnoloxía e capacidade militar.
Todo empezou en 1957, cando a Unión Soviética sorprendeu ao mundo lanzando o primeiro satélite artificial: o Sputnik 1. Era unha pequena esfera metálica, pero marcou un antes e un despois, porque por primeira vez un obxecto creado polo ser humano orbitaba arredor da Terra. Os Estados Unidos, ao ver isto, reaccionaron rapidamente. A carreira espacial acababa de comezar.
Pouco despois, a Unión Soviética volveu adiantarse. En 1961 o cosmonauta Yuri Gagarin foi o primeiro ser humano en viaxar ao espazo. Deu unha volta completa ao redor da Terra, amosando que era posible sobrevivir fóra do planeta, aínda que só fora por pouco tempo. Os Estados Unidos decidiron centrarse nun obxectivo moito máis ambicioso: chegar á Lúa. Finalmente, en 1969, a misión Apollo 11 logrou aluar. O astronauta Neil Armstrong foi o primeiro en baixar do módulo e camiñar sobre a superficie lunar. Seguro que vistes a típica imaxe ou escoitastes o que dixo: «Un pequeno paso para o home, un gran salto para a humanidade». Aquel momento foi seguido por millóns de persoas en todo o mundo e quedou gravado para sempre na historia como un dos maiores logros da humanidade.
Co paso do tempo, a rivalidade espacial foi diminuíndo e ambos os países chegaron a colaborar, como ocorreu na misión Apollo-Soyuz, na que astronautas das dúas nacionalidades traballaron xuntos no espazo.
Hoxe, a carreira espacial segue viva, pero é moi diferente. Xa non participan só países, senón tamén empresas privadas. Potencias como a China, os Estados Unidos e Rusia continúan explorando o espazo, pero agora compiten e colaboran con compañías como SpaceX, de Elon Musk, ou Blue Origin, de Jeff Bezos.
O percorrido que está por vir segundo o programa Artemis
A carreira espacial da NASA non remata con Artemis 2. O seguinte paso será Artemis 3, que tentará sentar as bases do regreso do home á superficie lunar por primeira vez desde 1972. Pero antes hai que facer probas dos mecanismos para reducir os riscos. Se se cumpren os prazos actuais, o regreso á Lúa podería consolidarse a finais desta década. Será posible?
O obxectivo a longo prazo non é xa pisar a Lúa, senón quedar nela de forma sostida. A NASA e os seus socios internacionais están a deseñar unha arquitectura que permita converter a contorna lunar nun espazo operativo permanente para a ciencia e a exploración.
A partir desa infraestrutura en órbita, o seguinte paso é o desenvolvemento de bases na superficie lunar, con especial interese no polo sur, unha rexión onde as observacións científicas apuntan á posible existencia de xeo. Este recurso sería clave para soster a presenza humana. Xunto a estas instalacións, a NASA prevé o despregamento de sistemas de enerxía, vehículos presurizados e hábitats deseñados para estancias duradeiras. O certo é que detrás de todo este despregamento hai un obxectivo estratéxico máis amplo: Marte. A NASA quere aprender a vivir e traballar na Lúa para poder viaxar ao planeta vermello. A estratexia Moon to Mars é o obxectivo final sen tantos riscos como hai agora.
Actividade media
A conquista do espazo
Por grupos, escollede un feito da liña do tempo da carreira espacial e un dos membros debe representalo contando a súa historia. Isto pode ser o lanzamento dun satélite, o primeiro ser humano no espazo, a chegada á Lúa ou a misión Artemis 2.
ENTENDER
As teorías conspiranoicas seguen espallándose
- A pesar de todas as probas que temos, aínda hai xente que non cre que a misión Artemis 2 sexa real. Pensan que é un engano das elites. Isto é, en esencia, unha teoría conspiranoica, unha explicación alternativa dos feitos que sostén que existe un grupo de persoas —normalmente, poderoso— que lle oculta a verdade á poboación. Estas teorías adoitan desconfiar das versións oficiais e propoñen narracións paralelas que, moitas veces, carecen de probas verificables.
- Algúns manteñen que as imaxes difundidas desde o espazo non son reais. Desconfían das axencias espaciais. Outros mesmo din que o home nunca chegou á Lúa, e ven en Artemis un intento de reforzar ese relato.
- A todo isto súmase a intelixencia artificial. Estes días circularon polas redes moitos vídeos e imaxes creados con esta tecnoloxía, o que alimenta o engano do mundo virtual.
PROFUNDAR
O satélite non pertence a ningún país nin empresa, é patrimonio común da humanidade
- A Lúa volver a ser protagonista da actualidade. Nesta nova carreira espacial, con varias potencias e empresas privadas interesadas no espazo e no satélite, saberiades dicir a quen pertence a Lúa?
- Desde o punto de vista legal, a resposta está clara. En 1967, na carreira espacial da Guerra Fría, asinouse o Tratado do Espazo Exterior, un acordo internacional que establece que ningún país pode reclamar a soberanía sobre a Lúa nin sobre ningún outro corpo celeste. Este tratado, apoiado por potencias como os Estados Unidos ou Rusia, considera o espazo patrimonio común da humanidade.
- A isto súmase o acordo adoptado pola Asemblea Xeral da ONU en 1979, aínda que entrou en vigor en 1984, que ratificou a pertenza global do astro. Isto vén a dicir que a lúa non pertence a ninguén ao mesmo tempo que é de todos.
- Pero, antes destes debates legais, en 1954 un avogado e poeta chileno chamado Jenaro Gajardo Vera acudiu a unha notaría de Chile para inscribir a Lúa ao seu nome. Segundo o que relatou, fíxoo por dúas razóns. A primeira, cumprir cun requisito para ingresar nun club social que esixía posuír bens. A segunda, moito máis simbólica: realizar un xesto poético. De feito, cando morreu, declarou ao pobo chileno herdeiro directo do astro.
- Agora ben, se ninguén pode ser dono da Lúa, pero todos queren chegar a ela, estamos preparados para compartir un territorio que a ninguén pertence?
Actividade avanzada
Saber identificar a IA
Cando empregas TikTok ou Instagram e atopas un vídeo tan incrible para que sexa certo, comprobas a súa orixe? Sabes identificar a IA? Intenta ser honesto: confías máis nunha institución científica ou nun creador de contido?