Para evitar que as aves criadas ao aire libre poidan infectarse, o Goberno decretou que, polo momento, non poidan saír ao exterior
20 nov 2025 . Actualizado á 12:03 h.Quizá o viches xa nas noticias, ou talvez os teus pais coméntencho ao ir ao supermercado e ver como hai menos ovos nas baldas: en España decretouse un confinamento obrigatorio para galiñas e outras aves domésticas que normalmente viven ao aire libre. Este peche non é unha medida de precaución calquera, senón unha resposta directa ao risco crecente de gripe aviaria, que pode propagarse desde as aves migratorias cara ás granxas.
Que está a pasar?
En España decretouse un confinamento de aves de curral. Isto implica que todas as galiñas, que normalmente viven ao aire libre, deben quedar dentro do galiñeiro. Esta medida tomouse porque subiu o risco de propagación da gripe aviaria.
Hai que encerrar a todas?
Si, esta norma é obrigatoria para todos, non só para as granxas grandes senón que tamén afecta ao autoconsumo (as galiñas que tes na casa para coller os ovos). Se non podes pechalas nun espazo con teito, o curral exterior ten que estar cuberto totalmente (mesmo polo teito) con tea paxareira. Ademais, e iso vale para todos, a auga non se pode coller do exterior (ten que ser da billa) e o penso debe estar gardado.
Quen o decide?
As medidas impúxoas o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, porque é o organismo encargado de regular as medidas que afectan a esta parte do sector. Agora ben, cada comunidade autónoma debe colaborar á hora de aplicala e vixiar que se cumpra.
E se alguén decide non cumprir coas medidas?
Pódese enfrontar a un problema, porque esta medida non é unha recomendación, senón algo de obrigado cumprimento. Se alguén desobedece, pode ser multado. Temos que pensar que a medida busca protexer a saúde das aves.
Por que se fai?
O motivo principal é previr que as aves de curral se contaxian través das aves migratorias, que moitas veces levan o virus. Co frío, o virus aguanta máis no ambiente, e en España hai zonas húmidas e moitos paxaros salvaxes, o que aumenta o risco. Entón, confinar ás galiñas é unha forma de crear unha barreira de protección para que non haxa contacto.
Hasta cando?
A orde publicouse o 13 de novembro pasado, e entrou en vigor ese mesmo día. Non hai unha data na que se prevé o desconfinamento, senón que se manterá mentres o risco sexa elevado.
E se unha galiña se infecta?
Se se detecta sospeita de gripe aviaria, os veterinarios oficiais teñen que actuar de inmediato: illar a explotación, facer probas e poida que sacrifiquen as aves para frear a propagación do virus (desde xullo levamos sacrificadas 2,5 millóns). Tamén se desinfecta todo e contrólase ben a zona.
Galicia é unha zona de risco?
Si, Galicia está incluída entre os territorios onde hai risco, precisamente pola súa xeografía (por exemplo, zonas húmidas) e a presenza de aves migratorias.
A gripe aviaria pode chegar a outros animais e aos humanos?
A gripe aviaria é unha enfermidade provocada por certos virus que afectan sobre todo as aves. Non é unha gripe normal, como a que podemos ter as persoas no inverno, senón que moitos destes virus viven nas aves silvestres, como os patos ou outras aves acuáticas, e cando migran, se están infectadas e entran en contacto coas aves que temos en casa, o virus pode saltar. É máis, algunhas cepas (que é como unha familia ou versión do virus) poden afectar a outros animais, como as vacas, pero só en casos moi raros ás persoas.
Desde as autoridades sanitarias, tranquilizan dicindo que non é un perigo para as persoas, pero por cuestións de precaución recoméndase non achegarse a un ave se vemos que está enferma ou morta.
O ovo é o alimento que máis se encarecou neste 2025
Hai pouco, en España comezou unha subida preocupante no prezo dos ovos: convertéronse nun dos alimentos que máis se encareceu. Segundo a Organización de Consumidores (OCU), a ducia máis económica subiu ata un euro en só seis meses, o que supón un aumento do 50?%. Isto convérteo no alimento que máis subiu este ano.
Por que pasa isto? Por unha banda, a gripe aviaria está a xerar tensión ao sector. Con brotes en granxas, algúns produtores tiveron que reducir a súa produción, e iso encarece o ovo desde a orixe. Ao mesmo tempo, a inflación xeral tamén xoga un papel clave: os custos de produción subiron (pensos, enerxía ou transporte), e eses gastos terminan repercutindo no prezo final. Isto fai que poida dificultar a súa compra.
Actividade básica
A compra
Elabora unha lista de alimentos que penses que son necesarios. Despois, vai ao supermercado cun adulto e apunta os prezos. Calcula o total e pregunta a un adulto canto custaría hai seis anos.
-------------------
As actividades están deseñadas por L. Cancela
Os virus van por autopistas
Existen moitos exemplos, hoxe en día e na historia, para amosar como unha enfermidade viaxa miles de quilómetros e afectarnos
O exemplo actual da gripe aviaria, da pandemia do covid-19 que sucedeu en todo o mundo no 2020 ou, mesmamente, a tempada de gripe de cada ano en humanos demóstrannos unha cousa: que os virus non entenden de fronteiras. Nun mundo globalizado, unha enfermidade pode empezar nun lugar moi afastado e, grazas á mobilidade de persoas, animais e mercadorías, acabar noutra parte do planeta. Neste sentido, a pandemia do coronavirus deixounos unha lección: nun mundo conectado, un virus pode propagarse moito máis rápido que antes. O que parecía un brote localizado en Wuhan, China, terminou afectando a todos os continentes en poucos meses. A rapidez das viaxes internacionais e o comercio global fixeron que o que sucedía nun país tivese consecuencias inmediatas noutros. Isto non significa que no pasado non sucedese. Claro que si, porque tamén había comercio ou migracións humanas e de animais. Só que era algo máis lento. Temos exemplos históricos, como o da peste negra.
A gripe estacional
Un exemplo moi ilustrativo de como os virus viaxan dun hemisferio a outro ocorre coa gripe estacional. Cada ano, a tempada de gripe comeza no hemisferio sur, en países como Australia e Nova Zelandia, durante os seus meses de inverno, que coinciden co noso verán. Alí circulan distintas cepas do virus, é dicir, versións lixeiramente diferentes que cambian dun ano a outro.
Os epidemiólogos estudan que cepas predominan nesas rexións porque, meses despois, esas mesmas versións adoitan aparecer no hemisferio norte, cando chega o noso inverno. Grazas a este seguimento, os expertos poden anticipar cales serán os virus máis comúns en Europa, Estados Unidos e outras zonas, e así decidir que cepas incluír na vacina anual da gripe. Esta información tamén permite a hospitais e autoridades sanitarias reforzar a vixilancia para minimizar o impacto da enfermidade. É coma se a gripe enviásenos un aviso desde o sur: o que sucede en Australia e Nova Zelandia funciona como unha especie de previsión meteorolóxica da gripe para nós.
Unha medida que pode parecer extrema si funciona
Nun primeiro momento, o peche de todas as galiñas de España pode parecer que só importa para as aves, pero en realidade é un exemplo claro de prevención en saúde pública. Mantelas protexidas evita que a gripe aviaria se propague e cause brotes masivos. A prevención funciona como un seguro: en lugar de esperar a que apareza un problema e reaccionar cando xa é demasiado tarde, tómanse medidas anticipadas para reducir riscos. O curioso é que se funciona, tanta precaución parécenos innecesaria: «Non é para tanto!», pensamos, porque grazas ás medidas o virus se contivo.
Agora ben, esta prevención ten un valor económico enorme. Cando unha granxa inféctase con gripe aviaria, as autoridades obrigan a sacrificar as aves afectadas e, en moitos casos, outras da mesma explotación. Isto supón perdas millonarias para os produtores, ademais de impactos na cadea de subministración e no prezo de alimentos. Actuar antes, mantendo ás galiñas protexidas, evita estas perdas e asegura que a economía do sector mantense estable. Un alivio para os donos das explotacións: «Estaba moi preocupada, porque nos atopamos preto das zonas de risco e podíanos chegar un caso de gripe aviaria en calquera momento (...)Tiñamos gañas de que tomasen estas medidas, viámolas necesarias. Está ben.», explicaban hai uns días desde a Granxa Taramundi, que teñen 10.000 galiñas campeiras, en La Voz.
Actividade media
Catro ducias de ovos ao mes
Imos facer algo de matemáticas. Imaxinade que a ducia de ovos pasou de 1,20 euros a 2. Se unha familia compraba catro ducias ao mes, canto gastaba co primeiro prezo? E canto gasto co segundo? Que porcentaxe aumentou?
ENTENDER: seguridade en cada alimento que comemos
- Cando vas ao supermercado e compras un iogur, unha galleta ou un zume entendes que son seguros, que non che van sentar mal. Esa confianza é responsabilidade, en España, da Axencia Española de Seguridade Alimentaria e Nutrición (Aesan), que ten unha misión: controlar, supervisar e previr riscos para que todo o que comemos sexa o máis seguro posible.
- A seguridade alimentaria da Unión Europea é excepcional. Os alimentos non só se revisan ao chegar ao país; contrólanse en cada fase da súa produción e distribución (ese control chámase trazabilidade dos produtos). De feito, as empresas que fabrican comida teñen a obrigación legal de retirar produtos que poidan ser perigosos.
- Cando algo sae mal, entran en xogo as alertas alimentarias. Estas actívanse cando se detecta un risco, xa sexa por bacterias, ingredientes non declarados ou contaminacións físicas.
Actividade avanzada
Menos controis, menos prezo?
Dividide a clase en dous grupos. Cada un debe elixir a un portavoz. Un dos grupos ten que defender os controis de seguridade alimentaria, e outro, ten que defender que se reduzan, sen chegar a desaparecer. Despois, debatede.
PROFUNDAR: os prezos reflicten o custe de produción, a escaseza do produto ou mesmo o perigoso que é obtelo
- Non é o mesmo comprar un quilo de patacas que un paquete de percebes, ou carne de tenreira criada ao aire libre e cun selo de calidade que a dun cortello. Pero, algunha vez pensaches por que hai tanta diferenza de prezo? Por suposto, págase a calidade, pero tamén o contexto que rodea ao produtor e a ese alimento.
- Pensemos nos percebes. Ese manxar da costa galega que ten un alto prezo. Isto se debe a súa escaseza (hai poucos) e a que collelos é realmente perigoso. Os percebeiros arríscanse a caídas, golpes contra as rochas e ondas xigantes para que cheguen ao teu prato. Ese esforzo reflíctese directamente no prezo.
- Pasa o mesmo co peixe, porque traballar nun barco é difícil, cansado e perigoso. Por sorte temos piscifactorías, granxas onde crece o peixe sen perigo para os traballadores. Iso abarata moito o seu custe, pero certamente non teñen o mesmo sabor.
- Tamén ocorre coa carne. A diferenza entre un animal criado nun cortello e outro que viviu ao aire libre é enorme. Se o gando ten espazo para moverse, pastar e estar nunha contorna natural, a alimentación e os coidados son máis custosos, e o proceso tarda máis tempo.
- Así que por unha banda temos a seguridade alimentaria, que teñen que cumprir todos os produtos que comemos, e por outra a excelencia de comida moito máis coidada. A diferenza nótase sobre todo no sabor do alimento e xustifica os prezos.