Os Países Baixos din adeus a usar os móbiles no colexio

ESCOLA

CARMELA QUEIJEIRO

A partir deste curso estarán prohibidos tamén no recreo

15 oct 2025 . Actualizado á 16:55 h.

Non fai falta que vos diga que os teléfonos móbiles son dispositivos altamente adictivos. Tanto nenos como adultos, todos nos quedamos máis dunha vez embobados mirando a pequena pantalla durante horas. E aínda que é verdade que nos axudan a estar máis conectados cos nosos amigos e, ás veces, poden ser unha ferramenta útil para manternos informados do que sucede no mundo, o Goberno dos Países Baixos ten clara a súa postura: quéreos fóra das aulas.

Pero se dicimos só «das aulas» non estamos a ser do todo precisos. Desde este curso, os alumnos neerlandeses non van poder usar o móbil durante as clases (evidentemente), pero tampouco durante os cambios de hora, nos corredores nin no recreo. Chamárono a política «na casa ou no despacho de billetes». Vaia, que non queren que os alumnos leven o móbil ao instituto.

Resultados preliminares

Poida que a ti esta situación non che resulte tan estraña, porque Galicia tomou esta mesma medida o curso pasado, máis concretamente en xaneiro do 2024. E do mesmo xeito que sucedeu na nosa comunidade, algúns colexios dos Países Baixos deron este paso cara a aulas libres de teléfonos o curso pasado. Iso sucedeu porque o Goberno neerlandés tomou esta decisión máis ou menos á vez que a Xunta, só que eles decidiron aplicala primeiro a un pequeno grupo de centros de secundaria. A modo de proba piloto.

Por iso, grazas a que os Países Baixos fixeron un seguimento destes institutos de proba, temos algúns datos interesantes sobre como impactou esta medida. Por exemplo, o 75 % dos colexios sen móbiles notan que os seus alumnos se concentran mellor durante as clases, aínda que só un terzo dos centros enquisados notan unha melloría no rendemento académico. Un 59 % afirman que o clima social nas escolas mellorou, especialmente nas horas do recreo.

A maioría dos docentes mostraron o seu apoio á medida porque, aínda que agora teñen máis carga de traballo, ao ter que supervisar que se cumpre a regra, ven como os mozos interactúan máis entre eles. E ti: notaches algún cambio desde que non se poden usar os móbiles no colexio?

Un sistema esixente

Agora xa sabes que galegos e neerlandeses empezamos este curso con algo en común: as aulas libres de teléfonos. Pero que máis nos une aos nosos veciños europeos do centro? O certo é que non moito máis. Por exemplo, nos Países Baixos tamén existe a primaria, pero a súa dura oito cursos, e non seis como a nosa. O motivo é que os neerlandeses empezan esta etapa con tan só 4 anos, idade á que xa é obrigatorio ir á escola.

Outra gran diferenza con respecto ao noso sistema é que ao acabar esta etapa de primaria (con 12 anos) eles deben facer un exame. É certo que non é unha proba vinculante (é dicir, que se o alumno saca mala nota non ten que repetir curso nin nada semellante), pero si que se ten en conta á hora de escoller que rama de secundaria estudar. E non nos referimos ás ramas de ciencias, sociais, letras... como temos nós.

No país dos tulipanes a secundaria divídese en ramas en función do seu nivel e do que se queira estudar na etapa seguinte. Son tres: a vocacional (que dura catro cursos e dá acceso a estudar unha FP de grao medio), a secundaria intermedia (que permite estudar en escolas superiores, que equivalen á nosa FP superior) e a preuniversitaria (que é a máis longa, porque dura seis anos e, como o seu propio nome indica, serve para preparar o acceso á universidade).

Os alumnos que teñan moi bos resultados poden acabar cambiándose a unha rama superior e os que non poidan seguir o ritmo terán que ser transferidos a escolas de ramas con menor nivel. É dicir, que o sistema non é definitivo. Por iso moitos centros ofrecen traxectorias mixtas nos primeiros anos, para que os alumnos poidan decidir máis adiante cal é o camiño que mellor se adapta a eles.

Como ves, dous das tres ramas de secundaria enfócanse á FP. Isto é porque os neerlandeses teñen en moi alta estima esta saída, que pode chegar a ter ata o 60 % das horas investidas en aprender un oficio directamente a través de prácticas profesionais.