Farmeando Aula

Guadalupe Vázquez Formoso LABIRINTO NAS SOMBRAS

EDUCACIÓN

Guadalupe, co seu sobriño
Guadalupe, co seu sobriño

Tras pasar o verán en foros de internet intentando descifrar o idioma dos alumnos, aprendemos a usar o sistema no noso beneficio

11 sep 2026 . Actualizado á 05:00 h.

Setembro está aquí e, con el, tamén o mercado de valores da aura na aula. Para aqueles que naceron antes de que se inventase o botón de «saltar anuncio», unha aclaración: farmear aura (aura farming) consiste en acumular puntos imaxinarios de carisma diante dos compañeiros. É a evolución do «ser guay» de antes. 

E o primeiro día de clases pode ser o equivalente á gala dos Óscar, pero con mochila. Cruzar a porta da aula ese primeiro día define a túa puntuación base. Chegar suando, pedindo perdón con cara de culpable e cargando un carriño de rodas é perder aura de forma automática. Entrar con paso lento e mirada que di «este verán madurei cinco anos» outorga un multiplicador de puntos instantáneo. Sentar na primeira fila voluntariamente resta aura a unha velocidade alarmante, igual que sacar no recreo un táper con froita cortada con amor pola túa mamá.

Se o profesor pregunta «Alguén sabe que é un logaritmo?», responder correctamente dáche puntos con el, si, pero réstache -300 de aura coa clase. Pero os profesores non nos quedamos atrás. Tras pasar o verán en foros de internet intentando descifrar o idioma dos alumnos, aprendemos a usar o sistema no noso beneficio.

Máis dalgún profe entrará na aula, tirará o xiz no seu lugar correspondente con aire de desdén e dirá: «O que fale perde 2000 puntos de aura». Un xaque mate interxeracional.

O curso escolar comeza. Ninguén sabe quen chegará a xuño no cume da popularidade.

Ti prepara a túa mellor cara de póker, rapaz, tranquilidade e que o farmeo te acompañe!