Os pais teñen a responsabilidade de educar aos fillos na responsabilidade, para conseguir que, pouco a pouco, se vaian facendo autónomos, capaces de tomar decisións por si mesmos e de seren consecuentes con seus actos. Darlles todo feito, tan xeneralizado hoxe, non vai axudar a que maduren con normalidade, senón que, pola contra, faraos dependentes e faltos de iniciativa. Tampouco é acertada unha educación autoritaria, subestimando as capacidades do neno, pois este acabará por ser inseguro e carente de autoestima e de confianza en si mesmo.
Tódolos pais coinciden no que queren para seus os seus fillos: que sexan felices, fagan bos estudos e acaden unha profesión sólida e satisfactoria. Para conseguilo hai que educalos coa maior dedicación posible, pois é a mellor herdanza que podemos deixarlles. Educar require un pouco de ciencia, pero sobre todo moito sentido común, amor, confianza, paciencia e constancia, e debe comezar desde moi cedo, para que as aprendizaxes se interioricen e consoliden pouco a pouco. É esencial crear na familia un ambiente de responsabilidade e de conciencia sobre as consecuencias que xeran os actos ou as omisións, co obxectivo de que os nenos se vaian acostumando a tomar as súas propias decisións e a traballar a soas nas tarefas que se lles van asignando no fogar ou no colexio, sen ter que recordárllelas.
Para conseguilo hai, primeiro, que fomentar a tolerancia ás frustracións, cuxa carencia é causa da maior parte dos problemas educativos actuais. Estudar, memorizar, ordenar ou facer exercicio físico requiren esforzo e concentración, e por iso resulta moito máis satisfactorio mirar a televisión, xogar cos vídeos, navegar por internet ou entrar nas redes sociais. A clave está en evitar as distraccións e discernir cando toca unha ou outra cousa, aprendendo a adaptarse sen problema á menos agradable. De tanto fuxir desta, o rapaz acaba por habituarse a unha falsa sensación de agresión e inseguridade, que provoca incapacidade para esforzarse e facer fronte aos problemas habituais da vida académica ou mesmo da ordinaria. En segundo lugar, e en estreita relación co anterior, hai que loitar contra o clásico aprazamento das tarefas, que ten hoxe unha complicada palabra, a de procrastinación. As obrigas vanse deixando para máis tarde, ata que se adquire o hábito dunha constante irresponsabilidade, con consecuencias moi negativas na casa e na escola.
As tarefas intelectuais, a axuda nos labores da casa ou a orde e coidado das súas cousas, teñen que ter unha prioridade que se consegue con diálogo, confianza e flexibilidade, pero tamén cuns límites claros e razoables. Os pais deben asignarlles aos fillos traballos útiles, en función da súa idade e capacidade, aprendéndolles a facer un plan semanal coas responsabilidades que lles corresponden, e axudándolles a tomar as decisións adecuadas, así como a controlar os impulsos de fuxida dos seus compromisos. Pero logo hai que deixalos sós para que, se se equivocan, volvan intentalo, e se sentan orgullosos dos propios logros. Esforzo e superación das contrariedades son os mellores aliados da responsabilidade.