A compañía, con base en Allariz, diversifica a súa actividade para gañar en competitividade
05 mar 2026 . Actualizado á 09:29 h.«Como familia podemos dicir que é un orgullo pasar dunha granxa e un camión, que é o que fixeron meus avós, a onde estamos hoxe, presentes en varios sectores e dando traballo a máis de 150 persoas». Así resume Melissa Pardo, directora financeira de Transportes Pardo’s e terceira xeración do grupo que segue xestionando seu pai, a traxectoria da empresa familiar da que forma parte e que abriu, nos últimos anos, novas liñas de negocio. No 2016, inauguraron un negocio de hostalería en Ourense. Posteriormente, chegou «outra aventura cun establecemento hoteleiro en Trives». Os últimos proxectos aos que se lanzaron, tamén no sector servizos, foron dous: a apertura de tres franquicias da firma de cociña rápida Popeyes en Galicia e unha liña de pizzerías con presenza en seis municipios galegos.
Ata chegar ao punto no que están, a empresa deu moitos pasos. Francisco Javier Pardo, xerente e pai de Melissa, lembra que «a nosa empresa é familiar, creouse nos anos 60, cando meus pais montaron unha granxa avícola para Coren. A raíz diso, metéronse no mundo do transporte e foron medrando». Cando el se incorporou ao traballo, «compramos máis camións ata chegar aos 30 que temos hoxe en día». Para Pardo, a empresa «é a miña vida, xa estaba antes de nacer e agora sigo loitando polo mesmo». Nos últimos anos, conta coa axuda dos seus fillos, con Melissa na parte financeira e Javier como xefe de tráfico. Este último, subliña a importancia da diversificación: «Nos últimos tempos, o sector do transporte cambiou moito, queremos seguir dando o gran servizo que nos caracteriza con moita profesionalidade, pero tamén apostamos por outros sectores totalmente descoñecidos para nós». Nese camiño, recoñece Melissa, «contamos co apoio de BBVA, grazas a eles puidemos emprender nos proxectos máis grandes».
Dende esa entidade, Ánxela Ferreiro, directora comercial de pemes en Ourense, apunta que «non todos os proxectos son iguais, pero hai dúas inquedanzas que nos trasladan habitualmente». Unha é o financiamento e a outra o acompañamento. «As empresas demandan estar arroupadas, que esteamos no día a día e o BBVA quere ser algo máis que un socio financeiro, quere ser un aliado para as pemes e para os autónomos, para escoitalos e acompañalos para que poidan impulsar o seu crecemento.», explica.