Meta busca fondos por 24.700 millóns para os seus centros de datos de IA

La Voz REDACCIÓN / LA VOZ

ECONOMÍA

Manuel Orbegozo | REUTERS

A matriz de Facebook anotouse o ano pasado un beneficio de máis de 62.000 millóns de dólares

28 jun 2025 . Actualizado á 22:44 h.

O xigante tecnolóxico Meta —matriz de Facebook, Instagram e Whatsaap—, está a tentear a varios grupos de investimento para conseguir fondos cos que desenvolver os centros de datos que alimentarán a súa Intelixencia Artificial (IA). A multinacional que dirixe Mark Zuckerberg mantivo conversacións con Apollo, Brookfield e Pimco co fin de recadar uns 29.000 millóns de dólares (24.700 millóns de euros) en créditos, segundo puido saber o Financial Times.

Meta anotouse o ano pasado un beneficio neto de 62.360 millóns de dólares (53.200 millóns de euros), o que supuxo un aumento de case o 60% respecto ao exercicio previo.

A pesar deses rexistros, o grupo non dúbida en recortar emprego. En xaneiro anunciou o despedimento do 5% do seu persoal global menos eficiente (unhas 3.600 persoas). No entanto, os recortes de persoal laboral foron moito maiores porque Meta ten subcontratados algúns servizos como o filtrado e moderación de contidos. É o caso da empresa Telus, que ofrecía esta cobertura ás filiais do grupo e que o pasado maio presentou un expediente de regulación de emprego (ERE) para os seus 2.059 traballadores en Barcelona.

A situación destes traballadores contrasta coas ofertas multimillonarias que lanzou para recrutar talentos da competencia —entre 10 e 100 millóns de dólares— que lle axuden a pór en marcha o seu laboratorio de superinteligencia. Na carreira por liderar a IA, Meta quedouse atrasada respecto a rivais como ChatGPT.