A Xunta abrirá o día 30 as novas axudas para a compra de coches eléctricos

La Voz REDACCIÓN / LA VOZ

ECONOMÍA

carmela queijeiro

O presuposto total achégase aos 20 millóns e tamén financiará a instalación de infraestruturas de recarga

22 jun 2025 . Actualizado á 17:33 h.

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana anunciou que o prazo para a solicitude da nova convocatoria de axudas do Plan MOVES III 2025, de apoio ao vehículo eléctrico, dará comezo a partir do próximo día 30 de xuño.

Lorenzana adiantou que será ese día cando o Diario Oficial de Galicia (DOG) recollerá a publicación da nova convocatoria dun programa destinado a subvencionar tanto a compra de automóbiles eléctricos como a instalación de infraestruturas de recarga dos mesmos.

Nesta ocasión, as axudas, que irán con cargo a fondos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia, terán un presuposto de 19,6 millóns de euros.

En total, o acumulado das diferentes edicións deste plan acada os 54 millóns; con ata 13.743 solicitudes por importe de 73,8 millóns de euros.

A conselleira tamén demandou de novo ao Goberno central que elabore un Plan MOVES IV que corrixa as deficiencias do actual programa, reclamando que siga o exemplo da liña do programa de mobilidade sostible da Xunta, no que son os concesionarios quen aplica o desconto directamente no momento do pago.